A Deputación de Pontevedra organiza o vindeiro sábado 24 de maio a Ruta das Maceiras en Flor. Neste 2025, serán catro os percorridos que discorrerán polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras.
Esta Ruta das Maceiras en Flor busca impulsar o turismo do interior da provincia de Pontevedra, que segundo asegurou a Deputada de Turismo, Nava Castro «se algo temos moi claro desde o goberno provincial é que o interior da provincia de Pontevedra ten un enorme potencial turístico”.
O prazo de inscrición abre o vindeiro mércores 14 de maio ás 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas. A plataforma ofertará 160 prazas gratuítas, 40 por cada unha das rutas, con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra.
Así, os percorridos, que terán lugar todos na mesma data, o 24 de maio, comezarán ás 10:00 horas coa saída das dúas primeiras rutas desde a capela de San Roque de Pontevedra: a Ruta Rabiosa, cara a plantación de Pardemarín e a Sidrería Rabiosa, e a Ruta Peroja, que se encamiñará á plantación de Agar e a Sidrería Peroja. A chegada á capela de San Roque será ás 14:45 horas.
Pola súa banda, ás 16:00 horas, terán lugar as outras dúas saídas, tamén desde a capela pontevedresa: a Ruta Quinta das Maceiras, percorrerá a plantación de San Miguel de Castro e a Quinta das Maceiras, e a Ruta Camino, realizará unha visita á plantación de Moreira e á Sidrería Camino. Neste caso, a chegada á capela de San Roque prevese para as 20:45 horas.
As catro rutas inclúen unha cata degustación e ofertan 40 prazas gratuítas por percorrido, ata dar cabida a 160 persoas. As persoas interesadas en participar na actividade poderán solicitar ata un máximo de catro prazas e deberán indicar o nome da ruta á que se queren apuntar, o nome e apelidos de cada unha das persoas que van asistir ao percorrido e facilitar os datos de contacto dunha das persoas (correo electrónico e número de teléfono).
As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas que teñan confirmada praza nun dos percorridos non poderán optar aos restantes.