O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible segue executando as obras de adecuación e modernización dos túneles da autoestrada AP-9 de Montecelo, Campolongo, Pedra do Couto e Sartego, na provincia da Coruña; e A Madroa, Candeán e Teis na provincia de Pontevedra. Trátase dunhas obras que contan cun orzamento de 27,48 millóns de euros (IVE incluído) financiados cos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
Cando empezan?
A partir do vindeiro luns, 12 de maio, iniciaranse os traballos para colocar as bandexas eléctricas, o que esixe unha serie de cortes de tráfico nos sete túneles. Os traballos iniciaranse de xeito simultáneo nun túnel por provincia (Pedra do Couto na Coruña, e Candeán, en Pontevedra) e irán avanzando no resto de túneles de xeito paralelo en ambas as provincias.
Afectacións na provincia da Coruña
As afectacións iniciaranse o 12 de maio ás 9 horas no túnel de Pedra do Couto (km 22), cun corte de carril por calzada que se retirará ás 13 horas do venres 16 de maio. Para asegurar a fluidez do tráfico durante ditas afectacións manterase operativo polo menos un carril por calzada para permitir a circulación de vehículos durante a execución dos traballos.
Unha vez finalizados os traballos no túnel de Pedra do Couto, comezará a instalación de bandexa eléctrica no túnel de Campolongo (km 18), onde está previsto que dean inicio as afectacións a finais do mes de maio con cortes semanais similares aos do túnel de Pedra do Couto.
Por último, finalizadas as obras en Campolongo, darán comezo os traballos nos túneles de Sartego (km 30) e Montecelo (km 9) cunha configuración de tráfico similar ás do resto de túneles da Coruña.
Afectacións na provincia da Pontevedra
As afectacións ao tráfico iniciaranse o luns 12 de maio ás 22 horas no túnel de Candeán (km 154 da AP-9), cun corte de carril por calzada que se retirará o 13 de maio ás 6 horas. Este corte de carril repetirase cada noite durante a semana, desde o luns día 12 ata o xoves día 15 de maio, para minimizar as molestias aos usuarios da autoestrada. Para asegurar a fluidez do tráfico durante ditas afectacións manterase operativo polo menos un carril por calzada para permitir a circulación de vehículos durante a execución dos traballos.
Unha vez finalizados os traballos no túnel de Candeán, comezará a instalación de bandexa eléctrica nos túneles da Madroa (km 152 da AP-9) e Teis (km 1 da AP-9V). Está previsto que a finais do mes de maio comecen as afectacións ao tráfico nestes túneles, con cortes de carril en horario nocturno.
Modernización dos túneles
O obxectivo destes traballos é adecuar estes túneles aos requisitos mínimos de seguridade exixidos no Real Decreto 635/2006. Neste caso, as obras estanse a centrar en adecuar e mellorar equipamentos e instalacións de seguridade. As obras inclúen ademais a construción de galerías de emerxencia nos túneles de Pedra do Couto, Campolongo e Candeán, segundo explican desde o Ministerio.
