O temporal deste mércores 9 de outubro estivo presente en toda a comunidade galega. Segundo o 112 Galicia, chegaron a contabilizarse un total de 1322 incidencias debido ás rachas de vento e choivas ocasionadas por Kirk.
As provincias máis afectadas foron Pontevedra, con 732 incidencias, e A Coruña, con 329. Pola súa banda, os municipios que máis consecuencias sufriron foron Vigo (157), Santiago de Compostela (67), Pontevedra (59), A Estrada (53) e Nigran (37). A maior parte das intervencións tiveron que ver, segundo os datos do 122 Galicia, con árbores e pólas nas estradas (791), seguido por cables e postes da luz ou teléfono (166) e actuacións de prevención de risco (133).
Algúns dos acontecementos máis relevantes que se produciron foron o alagamento da parte subterránea dunha casa en Ames, algunha árbore caída sobre coches ou un poste da luz en Nigrán que aterrou sobre dous coches e parte dun camiño. Por sorte, en ningún caso houbo que lamentar danos persoais.
As autoridades informan de que “pese a que xa non está activa ningunha alerta por choivas ou vento en terra, os efectos do temporal e os estragos que deixa aínda poden ser causa de accidentes e contratempos, polo que hai que seguir extremando as precaucións”.

