Abordar posibles vías de colaboración na inserción laboral de inmigrantes na industria da construción a través do arraigo para a formación é o obxectivo da xornada de traballo celebrada hoxe pola Fundación Laboral de la Construcción de Galicia. Nesta convocatoria participaron 35 representantes de 17 entidades do terceiro sector así como a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Xunta, Zeltia Lado Lago.
As organizacións xunto coa entidade paritaria analizaron en distintas mesas de traballo os retos de levar á práctica o arraigo para formación. Unha autorización que permite ás persoas estranxeiras obter un permiso de residencia legal en España a través dun compromiso de formación para a súa incorporación ao mercado laboral.
Á vista da necesidade de man de obra da industria da construción en Galicia -entre 1.400 e 1.700 persoas traballadoras novas cada ano-, o xerente do Centro Territorial de Galicia de Fundación Laboral de la Construcción, Fernando García Novo, expuxo ás entidades participantes que “a industria da construción é un moi bo destino para que estes colectivos desenvolvan a súa carreira profesional”.
Neste sentido, o arraigo para formación permítelles ás persoas inmigrantes acceder a unha formación cualificada, de maneira que “poden regularizar a súa situación e, á vez, entrar no mercado laboral”, destacou.

