Luns, Febreiro 9, 2026
HomeNewsActualidadeO Goberno Municipal das Neves traballa en solucións reais para o SAF

O Goberno Municipal das Neves traballa en solucións reais para o SAF

O actual goberno municipal de As Neves, liderado polo alcalde Jose Manuel Alfonso, lamenta profundamente a campaña de desinformación que intenta promover o BNG respecto da situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no concello. Esta situación “é o resultado dun contrato licitado durante o mandato do anterior goberno do BNG, un contrato claramente desaxustado e precario que deixou ás traballadoras do SAF nunha posición vulnerable durante os últimos anos” aseguran os mandatarios.

“Dito contrato, asinado polo BNG, non contemplaba as subas necesarias do IPC nin a revisión anual dos salarios, o que provocou que as traballadoras foran perdendo poder adquisitivo ano tras ano. Agora, o BNG pretende posicionarse como o salvador dunha situación que eles mesmos xeraron, cando son plenamente conscientes de que a raíz do problema é a mala xestión do seu propio goberno”.

O actual equipo do Partido Popular, enviou as bases para que se licite un novo contrato con prezos axustados á realidade e con revisións anuais de incrementos salariaise fiscais. “O obxectivo do novo contrato, é garantir que esta situación non se repita, asegurando unhas condicións laborais dignas e sostibles para as traballadoras que prestan un servizo tan esencial á nosa comunidade”, afirma o alcalde.

“É sorprendente que o BNG agora trate de impugnar este novo contrato, unha acción que parece ter como única finalidade xerar malestar entre o persoal do SAF e atrasar aínda máis o proceso de licitación” sosteñen dende o goberno.

O alcalde Jose Manuel Alfonso asegurou que dende o goberno “seguimos traballando con profesionais para asegurar que o novo contrato se axuste á normativa vixente e mellore as condicións laborais das traballadoras” e engade “hai que facer un chamado á responsabilidade política” e solicita ao BNG que “explique claramente ás traballadoras do SAF quen é o verdadeiro responsable da precariedade laboral que estiveron sufrindo”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS