Os Trens Turísticos de Galicia pecharon a tempada 2026 cunha ocupación media do 93,4%, consolidándose como unha “proposta de referencia para descubrir a riqueza paisaxística, patrimonial, gastronómica e vitivinícola da comunidade a través de experiencias singulares en tren”.
O programa, impulsado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o INORDE, contou este ano con 13 itinerarios e 33 saídas, que se desenvolveron entre o 7 de marzo e o 3 de outubro. En total, ofertáronse 2.482 prazas, un 9,4% máis que na tempada anterior, mentres que a ocupación medrou un 11%, o que evidencia a boa acollida desta iniciativa entre os viaxeiros.
A programación de 2026 ofreceu diferentes maneiras de achegarse ao territorio galego, combinando a viaxe en tren con visitas guiadas e experiencias vinculadas á natureza, á historia, á cultura, á gastronomía e ao enoturismo.
A oferta incluíu a Ruta dos Faros; Ruta polos Pazos e Xardíns Históricos de Galicia; Ruta do Viño da Ribeira Sacra (Río Sil); Ruta do Viño da Ribeira Sacra (Río Miño); Ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras; Ruta do Viño Rías Baixas; Ruta dos Viños do Ribeiro – Rías Baixas; Ruta do Viño Monterrei; Ruta dos Mosteiros; Ruta dos Queixos de Galicia; Ruta das Mariñas; Ruta Experiencia MEGA e A Coruña de 1906, e Ruta da Camelia en flor.
Entre os itinerarios con ocupación completa destacaron a Ruta dos Viños do Ribeiro – Rías Baixas, Ruta dos Faros, Ruta do Viño da Ribeira Sacra (Río Sil e Río Miño) e a Ruta da Camelia en flor, que se sitúan entre as opcións máis demandadas da programación.
Esta diversidade permite descubrir destinos e recursos turísticos das catro provincias galegas desde unha perspectiva diferente, achegando os visitantes a enclaves naturais, patrimonio histórico e cultural, adegas, tradicións gastronómicas e espazos singulares. Ademais, a distribución da programación ao longo do ano favorece a diversificación dos fluxos turísticos e contribúe á desestacionalización da actividade.

