HomeNewsActualidadeO Porriño pon a disposición dos veciños un modelo de alegacións contra...

O Porriño pon a disposición dos veciños un modelo de alegacións contra o proxecto da liña de alta tensión

O Concello do Porriño pon a disposición dos veciños os medios para achegar as alegación á alternativa elexida da nova liña eléctrica de alta tensión a 220 kV “Atios-Pazos de Borbén”, promovido por Red Eléctrica de España. Un trazado que discurre case na súa totalidade por monte comunal e parcelas rústicas entre Cans e Santa María do Porriño, na contorna da Risca. 

Esta medida ten como obxectivo facilitar que os particulares e colectivos do municipio afectados poidan formalizar o seu rexeitamento ao trazado aéreo proxectado. O modelo de alegacións está dispoñible dende fai dúas semanas en formato descargable na páxina web municipal para a súa tramitación.

Co obxectivo de resolver calquera dúbida sobre a cumprimentación ou presentación do documento, o Concello pon a disposición da veciñanza este mércores 14 de outubro na Asociación de Veciños de Cans os medios para cumplimentar e presentar esas alegacións. Ata alí trasladarase a caravana municipal con técnicos municipais para prestar asesoramento directo á veciñanza. O prazo para a presentación de alegacións permanecerá aberto ata o 20 de outubro.

A iniciativa súmase ás alegacións formais xa presentadas polo propio Concello do Porriño ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria, nas que o alcalde, Alejandro Lorenzo, en representación do goberno municipal, esixe a paralización da autorización previa e o soterramento integral dos 1,89 quilómetros de liña aérea que discorren polo municipio.

O goberno local considera “discriminatoria a solución técnica proposta,” xa que mentres no Porriño o trazado se deseñou en superficie afectando a parcelas de Santa María do Porriño e Cans, en concellos veciños como Mos e Vigo contémplanse preto de 13 quilómetros soterrados.

Así mesmo, a administración local e o Consorcio de Augas do Louro, que tamén tramitará alegacións, alertan “do risco que o proxecto supón para o xa degradado acuífero Aluvial do Louro e para 17 captacións de auga subterránea destinadas ao consumo humano situadas nun radio de 100 metros arredor das torres”. Entre elas atópase a captación ‘Carreira 2’, ubicada dentro da propia zona de obras.

Alegacións veciñais

O modelo de alegacións veciñais céntrase en que o estudio de impacto ambiental presenta “carencias” en varios aspectos relevantes, como utilizar como único factor o económico para definir o proxecto ou que na avaliación de impacto ambiental non se inclúe a información respecto do trazado soterrado e non se tiveron en conta os aproveitamentos forestais ademáis de que o  propio promotor recoñece que a alternativa de trazado seleccionada é, en criterios hidrolóxicos, a peor das tres alternativas estudadas, sen que esta circunstancia fose obxecto de ponderación diferenciada para o termo municipal do Porriño.

Outro dos argumentos destas alegacións céntrase en que “o proxecto presentado supon unha afección importante sobre os usos forestais tradicionais e sobre os valores produtivos, ecolóxicos, paisaxísticos e sociais xa que a alternativa seleccionada atravesa o municipio de O Porriño por terreos forestais de elevado valor produtivo, ecolóxico, paisaxístico e social que non se tiveron en conta na avaliación”. Ademáis, aseguran que “non existe unha análise real das alternativas que contemplen diferentes opcións tanto tecnolóxicas como de trazado da liña”. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS