HomeNewsActualidadePonteareas busca o Interese Turístico de Galicia para a Festa da Peixeira...

Ponteareas busca o Interese Turístico de Galicia para a Festa da Peixeira de Xinzo

O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou a solicitude para que a Festa da Peixeira de Xinzo, que celebra a súa XXXIV edición este venres, sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Con este acordo, o municipio dá un paso fundamental para conseguir o recoñecemento e a promoción dunha das celebracións con maior singularidade histórica, cultural e etnográfica do concello.

A candidatura pon en valor unha historia especialmente singular: unha parroquia do interior de Galicia, sen mar, na que o peixe e o mundo mariñeiro formaron parte durante xeracións da vida profesional, económica, familiar e social de moitas das súas familias. Nesta historia ocupa un lugar protagonista a figura da Peixeira, representativa das mulleres que durante xeracións contribuíron ao sustento das súas familias mediante a compra, transporte e comercialización do peixe. O seu traballo acabou converténdose en parte da identidade e da memoria colectiva de Xinzo.

Precisamente como homenaxe a estas mulleres naceu a Festa da Peixeira, que mantén viva esta tradición a través dunha celebración popular, cultural e gastronómica na que destaca a súa tradicional sardiñada.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “a Festa da Peixeira representa unha historia única que merece ser coñecida e recoñecida en toda Galicia. É a historia de moitas mulleres traballadoras e dunha parroquia del interior que construíu durante xeracións unha relación extraordinaria co mar e co peixe. Queremos protexer ese legado e, ao mesmo tempo, convertelo nunha oportunidade para promocionar Xinzo e Ponteareas”.

A festa

Esta nova edición da festa conta cunha programación que conxuga a devoción, a música e a gastronomía, contando os organizadores con pór para a súa degustación uns 1000 kilos de sardiñas, doados polas propias peixeiras e que chegarán fresquiñas dende a lonxa de madrugada. Ademais, estarán acompañadas polo viño.

En canto ao programa da festa, dará comezo ás 19:00 horas, coa celebración da santa misa e posterior ofrenda floral ante o Monumento ás Peixeiras, nun emotivo acto en recordo e memoria de todas as mulleres falecidas da parroquia que dedicaron a súa vida a este oficio. As 21:00 horas arrancará a gran sardiñada popular. A degustación de sardiñas e viño será totalmente gratuíta para todos os asistentes, previa adquisición do prato e da taza conmemorativa da festa. 

Xa ás 22:00 horas comezará a animación musical para ambientar o recinto festivo, que este ano correrá a cargo dos ritmos da charanga Os Imperiais e de DJ Chote. Ás 23:00 horas terá lugar un dos momentos máis agardados coa lectura do pregón oficial, que nesta ocasión será pronunciado por Roi Groba, recoñecido presentador da RTVE.

Milucha Puga, integrante da organización da festa, amosou o seu agradecemento ao concello polo inicio dos trámites para a declaración de Interese Turístico de Galicia do evento. “Un merecido recoñecemento as peixeiras que levamos tempo desexando que se faga realidade” sinalou Milucha. Tamén aproveitou para recoñecer “o apoio do concello, das veciñas e veciños, das firmas colaboradoras e aos donativos anónimos, que fixeron posible tantos anos de festa”.

Festa de Interese Turístico de Galicia

A candidatura como declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, susténtase nunha memoria xustificativa elaborada polo Concello na que se documentan a historia, antigüidade, singularidade, arraigo, continuidade, valor cultural e capacidade de promoción turística da celebración. A propia parroquia perpetuou esta memoria co monumento dedicado á Peixeira, realizado pola antiga Escola de Canteiría da Deputación de Pontevedra e inaugurado no ano 2007, hoxe convertido nun elemento simbólico asociado a esta tradición.

“Poucas celebracións poden contar unha historia como a de Xinzo: unha terra sen mar profundamente vinculada ao peixe. Esa singularidade, unida al arraigo veciñal e ao mantemento da tradición xeración tras xeración, constitúe un dos nosos principais argumentos para conseguir este recoñecemento”, sinalou a rexedora.

Co acordo adoptado polo Pleno apróbase formalmente a solicitude e a memoria xustificativa, e acórdase remitir o expediente á Axencia Turismo de Galicia, que será a encargada de tramitar o procedemento para a posible declaración da Festa da Peixeira como Festa de Interese Turístico de Galicia. O Concello de Ponteareas continuará traballando xunto coa parroquia e as entidades implicadas para preservar esta tradición, incrementar a súa proxección exterior e converter a Festa da Peixeira nun novo referente turístico, cultural e gastronómico do municipio e de Galicia.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS