O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou este martes a proposta para solicitar formalmente á Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra a creación dunha Aula Universitaria da UNED en Ponteareas.
Con este acordo, o Concello dá un paso decisivo para ampliar a oferta educativa do municipio e achegar os estudos universitarios a Ponteareas e ao conxunto da súa comarca, facilitando o acceso á educación superior, evitando desprazamentos e xerando novas oportunidades de formación para mozas e adultos.
Un dos aspectos máis relevantes do proxecto é a posibilidade de contar desde a súa posta en marcha con titorización universitaria vinculada inicialmente a dous ámbitos cunha gran proxección académica e profesional: o Grao en Enxeñería en Intelixencia artificial e o Grao en Comunicación e Marketing. A eles sumaríase o Curso de Acceso á Universidade para Maiores de 25 anos, así como formación permanente, actividades de extensión universitaria e outras iniciativas académicas e culturais.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “queremos que estudar unha carreira universitaria desde Ponteareas sexa cada vez máis doado. Poder achegar ao noso municipio titulacións vinculadas a ámbitos como a Intelixencia artificial e a Comunicación e Marketing supón abrir novas oportunidades, especialmente para os nosos mozos, e apostar por sectores que están a transformar o mercado laboral e que serán fundamentais nos próximos anos”.
A futura Aula dependerá do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e poderá desenvolver funcións docentes, de orientación, administrativas e de extensión universitaria, achegando ao municipio o modelo de ensino dunha universidade pública con presenza en todo o territorio nacional.
O acordo aprobado polo Pleno recolle así mesmo a vontade expresa do Concello de subscribir o correspondente convenio de colaboración co Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e de facilitar un inmoble municipal que reúna as condicións necesarias para albergar a nova Aula. O Concello asumirá tamén os compromisos de mantemento e funcionamento que se establezan no futuro convenio.
Desde o goberno municipal considérase a implantación da UNED unha “actuación estratéxica para reforzar o papel de Ponteareas como cabeceira de comarca e avanzar no seu posicionamento como polo educativo, universitario e de coñecemento no sur da provincia de Pontevedra”.

