O Concello do Porriño acometerá nos próximos meses a mellora da seguridade viaria entre San Campio e o Rego das Laxas, nas parroquias de Pontellas e Atios. Esta intervención permitirá renovar e acondicionar un viario que presenta un notable deterioro e que conecta a contorna de Centeáns e San Campio co Rego das Laxas e as áreas industriais próximas.
Trátase, ademais, dunha vía pola que transita un elevado número de peregrinos, ao formar parte do itinerario do Camiño de Santiago. Dá tamén acceso á contorna do Velódromo Municipal, instalación que proximamente será transformada nun novo espazo de deporte urbano coa incorporación dun skatepark e un pump track.
O proxecto conta cun investimento superior aos 460.000 euros, dos cales preto de 310.000 euros serán financiados con fondos propios do Concello e os máis de 150.000 euros restantes con cargo ao Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este investimento responde ao compromiso do goberno municipal de seguir mellorando as infraestruturas das parroquias e, especialmente, aquelas que forman parte do día a día da veciñanza”. “Queremos actuar alí onde hai necesidades reais e seguir mellorando as comunicacións e os servizos nas parroquias. Son intervencións que poden parecer pequenas no conxunto do municipio, pero que teñen un efecto directo na calidade de vida dos veciños e veciñas”, sinalou.
A actuación abrangue tres tramos de viario, cunha lonxitude total próxima aos 1,8 quilómetros, e permitirá renovar arredor de 15.800 metros cadrados de pavimento. Os traballos contemplan o fresado e a regularización do firme existente, a colocación dunha nova capa de rodadura e a ampliación da calzada nos puntos nos que sexa posible.
O proxecto inclúe tamén diferentes actuacións para mellorar a drenaxe da vía, coa limpeza e acondicionamento de cunetas, sumidoiros e arquetas, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical.
Na contorna da Rede Natura 2000 das Gándaras de Budiño instalaranse, ademais, preto de 650 metros de barreira de protección. Tamén se adaptarán tapas de rexistro e arquetas e plantaranse varios carballos nas zonas afectadas pola ampliación do firme.
O concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, explicou que a intervención vai máis alá dunha simple renovación do pavimento. “O obxectivo é actuar de maneira integral sobre a vía, mellorando o firme, a drenaxe, a sinalización e os elementos de protección”, indicou. Porto engadiu que “queremos deixar un viario máis seguro, cómodo e funcional, tanto para a veciñanza da zona como para todas as persoas que empregan esta conexión a diario”.
O prazo de execución previsto é de tres meses. Durante ese tempo desenvolveranse os traballos de pavimentación, drenaxe, sinalización e acondicionamento incluídos no proxecto. Desde o goberno municipal enmarcan esta actuación na planificación de investimentos que o Concello está a desenvolver nas parroquias e na mellora progresiva da rede viaria municipal.

