HomeNewsActualidadeComezan este luns as obras da nova área deportiva e de lecer...

Comezan este luns as obras da nova área deportiva e de lecer na contorna do Campo da Feira no Porriño

O Concello do Porriño iniciará este luns as obras de acondicionamento das parcelas situadas na contorna do Campo da Feira, na Rúa Parque Infantil, para crear unha nova área pública de carácter lúdico-deportivo destinada ao uso e desfrute da veciñanza.

A actuación abranguerá unha superficie total de 557 metros cadrados e permitirá configurar un novo espazo pensado para o deporte, o lecer e a convivencia, coa creación dunha pista de baloncesto 3×3, unha pista para a práctica de fútbol e unha zona con elementos biosaudables.

Os traballos inclúen tamén a instalación de porterías de fútbol sala e balonmán, unha canastra antivandálica e unha rede perimetral de seguridade, ademais da restauración dos elementos biosaudables existentes para garantir o seu correcto funcionamento e seguridade.

A intervención completarase coa execución de sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais, abastecemento de auga para rega e unha nova fonte pública, así como coa colocación de bancos, papeleira e cartel informativo. Tamén se acometerán traballos de xardinaría, coa incorporación de arborado, sebes e especies ornamentais para mellorar a integración paisaxística da zona.

“Seguimos pensando no Porriño que queremos para o futuro e seguimos facéndoo realidade. Queremos unha vila con máis espazos públicos de calidade, pensados para facer deporte, convivir e desfrutar en familia”, sinalou o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo. Pola súa banda, o concelleiro de Servizos Rurais, Marcos Martínez, destacou que “esta actuación permitiranos recuperar e acondicionar un espazo para poñelo ao servizo da veciñanza, dotándoo de novas instalacións e mellorando ao mesmo tempo a súa funcionalidade, seguridade e integración na contorna”.

O proxecto enmárcase nunha actuación máis ampla coa que o Concello busca ampliar e renovar progresivamente o ámbito do Campo da Feira. O goberno local xa dispón de parcelas adquiridas e continúa avanzando na incorporación de novos terreos próximos co obxectivo de incrementar a superficie de zonas verdes e crear unha gran área de ocio, encontro e convivencia.

O contrato para a execución dos traballos xa está asinado e as obras comezarán este luns, cun prazo estimado de execución dun mes. “Damos un paso máis na transformación desta contorna, recuperando e mellorando espazos para poñelos ao servizo da veciñanza. En poucas semanas, esta zona contará con novas posibilidades para o deporte, o lecer e a convivencia”, concluíu Alejandro Lorenzo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS