O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, inauguraron a nova iluminación eficiente da Torre de Hércules e a mellora dos sendeiros que circundan o monumento coruñés, dúas actuacións impulsadas por Turismo de Galicia neste monumento no marco do Plan Xacobeo Next Generation co que a Xunta de Galicia actuou na mellora dunha decena de Bens de Interese Cultural de distintos puntos de Galicia.
Como expresou o director de Turismo, o da Torre de Hércules é proxecto co que a Xunta de Galicia “mellorou e actualizou a Torre de Hércules aos novos tempos a través de traballos que a fan máis accesible e eficiente”. En concreto, no que se refire á iluminación, esta supón unha completa renovación do sistema ornamental da Torre de Hércules, cuxos equipos LED de última xeración se distribúen polas súas fachadas. Esta mellora, ademais de realzar a arquitectura do monumento durante a noite, “permitirá ofrecer opcións decorativas e dinámicas para acompañar as celebracións e actividades socioculturais” que se desenvolven ao longo do ano, como explicou o director de Turismo.
Xosé Merelles enmarcou a actuación nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, xa que, segundo indicou, “esta obra permite a redución do consumo enerxético e das emisións”, nun paso máis cara a unha maior sostibilidade turística do destino. A segunda das actuacións inauguradas é a mellora dos sendeiros que circunvalan a Torre de Hércules, que son “máis seguros, máis duradeiros e, sobre todo, máis accesibles”, nas palabras do director de Turismo de Galicia. A actuación permitiu habilitar un percorrido continuo, que pode ser máis accesible desde a glorieta ata a costa, cara ao mar, ampliando puntualmente a súa anchura sempre coa máxima sensibilidade cara á zona protexida.
Con esta obra, avánzase, segundo destacou, “nun destino turístico para os veciños e para os visitantes, máis eficiente e máis accesible para todos”, ao entender a accesibilidade como unha parte esencial da xestión do patrimonio e do turismo por parte da Xunta de Galicia. O director de Turismo de Galicia subliñou que as actuacións inauguradas “non son un punto final, senón un paso máis”. Como avanzou, tal e como se acordou co Concello de A Coruña e para non intervir nas visitas á Torre de Hércules durante o verán, a partir do mes de setembro completarase este proxecto previsto Torre de Hércules -que conta cun orzamento global de máis de 900.000€, co resto de actuacións previstas orientadas, neste caso, ao coñecemento arqueolóxico do xacemento e á conservación dos seus elementos estruturais, dentro dese proxecto integral de mellora do monumento.
Para a Xunta de Galicia, a Torre de Hércules é, xunto con outros grandes activos da cidade, “unha das pezas clave da estratexia turística da Coruña e de toda Galicia”, segundo remarcou o director de Turismo, que agradeceu o traballo das empresas adxudicatarias, dos equipos técnicos que redactaron e supervisaron os proxectos e a colaboración do Concello da Coruña.

