HomeConcellos +A CañizaO Parque Empresarial do Vieiro obtén a declaración de Proxecto de Interese...

O Parque Empresarial do Vieiro obtén a declaración de Proxecto de Interese Autonómico

O Parque Empresarial do Vieiro, situado no municipio da Caniza,vén de obter a declaración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) tras ser acordado polo Concello da Xunta. Este feito supón un paso fundamental para facer realidade unha das maiores área empresariais previstas no sur de Galicia.

O alcalde da Caniza, Luis Piña, cualificou a decisión como “un fito fundamental, conseguido en tempo récord, para o desenvolvemento económico da Caniza e da comarca da Paradanta”. Esta aprobación permitirá continuar coa tramitación dunha infraestrutura estratéxica que dotará ao municipio de 846.543 metros cadrados de solo empresarial, cun investimento estimado de 35 millóns de euros. O alcalde remarcou que o Concello “leva varios anos traballando para impulsar esta infraestrutura que xa é un proxecto ilusionante”.

O paso decisivo tivo lugar o pasado 24 de marzo coa sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello da Caniza, nun acto no que participaron a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o delegado especial do estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e o alcalde da Caniza.

Ese protocolo sentou as bases da cooperación institucional para impulsar o futuro Parque Empresarial do Vieiro e confirmou que sería o Consorcio da Zona Franca de Vigo o organismo encargado de promover a actuación mediante a redacción do Plan Estruturante de Ordenación de Solo Empresarial (PEOSE), asumindo ademais o financiamento íntegro do proxecto e a execución das obras.

O Parque Empresarial do Vieiro

O futuro parque empresarial localizarase ao carón da autovía A-52, nun enclave estratéxico con conexión directa con Vigo, Ourense, a Meseta e Portugal. A nova área empresarial contará con 846.543 metros cadrados de solo, incorporará un viario principal conectado coa rotonda existente na estrada EP-5005, dous viarios secundarios de acceso ás parcelas, amplas zonas verdes, espazos de aparcamento e manterá o actual campo de fútbol como equipamento público.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS