David Sánchez Pérez-Castejón, coñecido artisticamente como David Azagra e irmán do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, foi condenado pola Audiencia Provincial de Badaxoz a nove anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público. O tribunal, que ditou a sentenza por unanimidade, considérano “cooperador necesario” dun delito de prevaricación administrativa pola adxudicación irregular dunha praza na Deputación de Badaxoz.
A resolución xudicial, de 377 páxinas, determina que a praza de coordinador de actividades dos conservatorios foi creada “sen necesidade nin urxencia” e sen carga de traballo real, co único obxectivo de que fose ocupada por Sánchez. Segundo o fallo, o agora condenado tivo “coñecemento previo” de que o posto estaba deseñado para el, e participou nun proceso de selección que o tribunal cualifica de simulación para aparentear legalidade.
Sen pena de prisión
Tanto o irmán do presidente como o exsecretario xeral do PSOE estremeño e expresidente da Deputación, Miguel Ángel Gallardo —condenado a 18 anos de inhabilitación—, libranse da entrada en prisión. A sentencia tamén condena a nove anos de inhabilitación a Luis Carrero, amigo de David Sánchez, por ocupar outra praza na mesma institución que o tribunal considera innecesaria e creada exclusivamente para axudar a Sánchez nas súas actividades operísticas.
Os xuíces subliñan que David Sánchez apenas acudía ao seu posto de traballo e non cumpría coas obrigas laborais asumidas, centrándose na súa carreira musical mentres cobraba da institución provincial. Malia a condena por prevaricación, o tribunal absolve os acusados de tráfico de influencias ao considerar que, aínda que se pode conxeturar unha presión externa ou un trato de favor, non existe proba fáctica abonda que a acredite, aplicando así o principio in dubio pro reo.
Crítica ao “nepotismo”
A sentenza aproveita para lanzar unha dura reflexión sobre o nepotismo nas administracións públicas, definíndoo como unha práctica “poco ética” que “daña a saúde democrática, fomenta a corrupción e a desigualdade de oportunidades”. Os maxistrados sinalan que estas actuacións ignoran os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.
Esta resolución, que tamén inhabilita a outros oito funcionarios da Deputación, non é firme. Tanto a defensa dos condenados como as acusacións poderán presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Estremadura e, posteriormente, ante o Tribunal Supremo.

