HomeNewsActualidadeRelevo en Inditex: Beatriz Padín deixa a dirección de Zara Muller e...

Relevo en Inditex: Beatriz Padín deixa a dirección de Zara Muller e é substituída por Alfredo Ferro

A histórica directiva, mentora de Marta Ortega, abandona a compañía por decisión propia nun movemento estratéxico que busca reforzar o corazón do negocio do xigante téxtil

Inditex afronta un importante cambio na súa cúpula. Beatriz Padín, directora de Zara Muller e figura crave na multinacional, deixa a empresa por vontade propia. O seu posto será ocupado por Alfredo Ferro, ata agora director de Zara Basic e un veterano da casa, segundo informou La Voz de Galicia.

Este relevo, que se produce de xeito inmediato, é clave para o futuro da compañía. Zara representa preto do 70 % da facturación total de Inditex, e a división feminina que dirixía Padín supón arredor do 60 % dos ingresos desa cadea. O novo director, Alfredo Ferro, contará co apoio de Eva Pérez Salgado, a súa man dereita na liña Basic, que pasará a asumir as súas anteriores responsabilidades.

Unha traxectoria de máis de catro décadas

Beatriz Padín incorporouse a Inditex en 1985, con só 17 anos. Ao longo da súa traxectoria, vinculada aos eixos de deseño, compras e produción, converteuse nunha das figuras máis influentes do grupo e foi mentora da actual presidenta, Marta Ortega. Colaboradores próximos defínena como un «xenio creativo» e destacan a súa responsabilidade en iniciativas como a creación de El Apartamento ou o desenvolvemento da liña de segunda man pre-owned.

O seu sucesor, Alfredo Ferro, representa o perfil de promoción interna que Inditex vén impulsando nos últimos anos. Ferro comezou a súa carreira nas tendas de Pull & Bear e pasou por Massimo Dutti antes de recalar na central, percorrendo toda a escala da empresa. A partir de agora, traballará de xeito coordinado cos responsables de Zara Caballero, Javier Romero, e Zara Kids, Lorenzo Marcheselli.

Cambios nunha estrutura en evolución

Este movemento enmárcase nun proceso máis amplo de renovacíon xeracional e estrutural dentro da multinacional de Arteixo. Desde a saída de Pablo Isla en 2021, o grupo veu transformando o seu comité de dirección para adaptar a súa estratexia aos retos globais, como a expansión en Estados Unidos ou a xestión dos custos logísticos.

Tras a saída de Padín, o comité de dirección queda integrado por perfiles coñecedores do negocio desde as súas bases, como Miguel Díaz Miranda, Ignacio Fernández Fernández ou os irmáns Óscar e Jorge Pérez Marcote, entre outros, todos baixo a supervisión do conselleiro delegado, Óscar García Maceiras.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS