O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 90.000 euros a unha muller de 33 anos por unha grave neglixencia médica cometida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo a sentenza, o equipo médico realizou unha histerectomía e salpingectomía —extirpación de útero e trompas de Falopio— baseándose nunha premisa errónea, cando a causa real da súa dolencia era un problema urolóxico.
A sentenza, que revoga a absolución inicial dun xulgado vigués, cualifica a decisión terapéutica de «desproporcionada e a cegas». Os xuíces conclúen que a cirurxía, que causou a perda da capacidade reprodutora da muller e unha menopausa precoz, carecía de xustificación médica real, dado que os órganos extirpados estaban en perfecto estado.
Un diagnóstico erróneo resolto no estranxeiro
A paciente acudiu ao Cunqueiro tras sufrir dor crónica e sangrados severos. A pesar das sospeitas iniciais de especialistas privados sobre unha posible patoloxía urolóxica, o Sergas optou pola intervención xinecolóxica, obviando probas diagnósticas como un TAC abdominal con contraste.
A verdadeira orixe do problema non se descubriu ata que a muller viaxou a Cuba. Alí, durante un ingreso de 15 días nun hospital da Habana, un estudo urolóxico permitiu detectar un proceso inflamatorio crónico no uréter, que se resolveu cunha simple intervención para colocar un catéter.
Consecuencias irreversibles
O fallo do TSXG subliña que a neglixencia non só privou á muller da súa capacidade de ter fillos, senón que lle provocou a perda funcional de case todo o seu ril esquerdo debido ao atraso no diagnóstico correcto.
Ademais, a extirpación provocou unha «menopausa cirúrxica abrupta» que obriga á paciente a seguir unha terapia hormonal de por vida para evitar riscos graves de osteoporosis e patoloxías cardiovasculares. O tribunal fai fincapé en que, aínda que a paciente puidese desexar solucións aos seus dores, a súa vontade «non pode constituír un cheque en branco» para os médicos cando non existe un diagnóstico certero que avale unha operación tan agresiva.
Contra esta resolución do TSXG, na que a muller estivo representada polo avogado especialista en neglixencias médicas Alberto Rodríguez Cid, aínda cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

