HomeNewsActualidadeFacenda ofrece ás comunidades un déficit do 0,1% e o conselleiro Corgos...

Facenda ofrece ás comunidades un déficit do 0,1% e o conselleiro Corgos reclama máis marxe de gasto

O titular de Facenda, Arcadi España, asegura que as autonomías recibirán os "maiores recursos da súa historia", mentres Galicia esixe unha regra de gasto que permita financiar os servizos públicos

O Goberno central e as comunidades autónomas mantiveron este luns unha nova reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), a primeira presidida polo novo ministro de Facenda, Arcadi España. No encontro, o Executivo estatal puxo sobre a mesa un obxectivo de déficit do 0,1 % do PIB para os anos 2027, 2028 e 2029, a mesma cifra que xa foi rexeitada polo Congreso o ano pasado.

O conselleiro de Facenda de Galicia, Miguel Corgos, acudiu á cita cun «escepticismo» motivado polas promesas incumpridas do Goberno central en anteriores exercicios. Ante a proposta ministerial, Corgos subliñou que o aspecto crítico non é só o obxectivo de déficit, senón a regra de gasto: «O importante é canto podemos gastar máis as comunidades para prestar os nosos servizos públicos fundamentais o ano que vén».

As demandas de Galicia

O conselleiro galego lembrou que as comunidades non só deben afrontar o crecemento do IPC, senón tamén financiar medidas impostas polo Goberno central, como as subas salariais dos funcionarios. Por iso, Corgos reclamou unha regra de gasto «á altura» que garanta a viabilidade das competencias autonómicas.

Pola súa banda, o ministro de Facenda defendeu a súa proposta advertindo que votar en contra implicaría un axuste de 5.849 millóns de euros para as comunidades. Ademais, o Goberno ofreceu un marxe de gasto do 4 % para o próximo exercicio e asegurou que as autonomías recibirán o ano que vén un incremento de financiamento superior ao 8 %, sumando as entregas a conta e a liquidación do sistema.

Choque pola reforma do financiamento

Aínda que o Goberno non incluíu a reforma do modelo de financiamento na orde do día, os conselleiros das comunidades gobernadas polo PP —incluída Galicia— aproveitaron a reunión para poñer este tema sobre a mesa.

O ministro Arcadi España asegurou que este asunto se abordará nun novo Consello de Política Fiscal e Financeira antes de que remate o mes de xullo. O representante galego reiterou o seu compromiso coa estabilidade fiscal, aínda que insistiu en que as cifras anunciadas polo Executivo central deben concretarse finalmente nos Orzamentos Xerais do Estado para que poidan ser consideradas fiables.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS