A rúa Rubido, un dos puntos máis degradados do centro urbano da Ramallosa, en Nigrán, cambiará a súa imaxe por completo. O proxecto de reforma integral foi posible grazas a unha subvención de 230.000 euros concedida pola Deputación de Pontevedra, que recibirá o visto e prace definitivo da súa xunta de goberno este venres a través do Plan +Provincia 2026-2027.
O obxectivo prioritario desta intervención é recuperar o espazo para os peóns nunha vía que, na actualidade, carece de beirarrúas e presenta un estado de conservación deficiente. A remodelación inclúe a renovación total do pavimento e unha reordenación do tráfico, o que permitirá habilitar beirarrúas e prazas de aparcamento nos tramos onde o ancho da rúa o posibilite.
Solución aos problemas de drenaxe
Máis aló da mellora estética e da mobilidade, as obras serán fundamentais para solucionar as eivas hidráulicas do entorno. O proxecto contempla a instalación dunha rede separativa de pluviais e fecais, coa que se pretende poñer fin aos problemas de drenaxe e evitar verteduras, especialmente nas zonas de Romana Alta e Damas Apostólicas.
O alcalde de Nigrán, Juan González, supervisou esta semana o estado do vial xunto ao deputado provincial e alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, para avaliar o alcance dunhas obras moi demandadas polos veciños da zona. A actuación supón un paso importante na mellora da contorna urbana da Ramallosa, convertendo unha rúa deteriorada nun espazo máis accesible e funcional para todos.

