HomeNewsActualidadeMos leva o surf ás aulas para fomentar o deporte e os...

Mos leva o surf ás aulas para fomentar o deporte e os valores entre o alumnado de Primaria

O Concello de Mos, a través da Concellería de Educación, está a desenvolver unha nova edición do programa “Surf na Escola”, unha iniciativa dirixida ao alumnado de 5º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio que combina actividade física, aprendizaxe e diversión.

O proxecto, que se está a desenvolver durante estas semanas, achega aos escolares unha primeira toma de contacto co surf, unha disciplina deportiva en constante crecemento e que conta cun gran seguimento entre a mocidade. A iniciativa busca fomentar hábitos de vida saudables, promover a actividade física e transmitir valores como o compañeirismo, a cooperación, o respecto e a responsabilidade.

A actividade estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira sesión, celebrada nos propios centros educativos, o alumnado participa en obradoiros prácticos nos que coñece o material empregado para a práctica do surf e realiza exercicios de equilibrio, coordinación e iniciación ás técnicas básicas desta modalidade deportiva.

Posteriormente, na praia de Patos, en Nigrán, teñen a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas nunha sesión real no mar, sempre acompañados por monitores especializados.

Nesta edición participan os CEIPs Pena de Francia, Atín, Mestre Valverde Mayo, Petelos e Mestre Martínez Alonso, permitindo que preto dun cento de escolares do municipio gocen dunha experiencia educativa e deportiva diferente.

Desde a Concellería de Educación destacan a importancia de “impulsar actividades complementarias que contribúan ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas, combinando formación, lecer e contacto coa natureza”. Ademais, subliñan os beneficios que o surf aporta ao “desenvolvemento psicomotor, favorecendo habilidades como a coordinación, o equilibrio, a flexibilidade e a confianza persoal”.

A actividade conta coa colaboración do club deportivo Prado Surf, encargado da formación e da supervisión das sesións prácticas, así como da achega do material necesario para a súa realización.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS