O Concello de Baiona e a Asociación de Modelismo Naval de Galicia (AMONAGA) volven achegar ao público unha nova edición da Mostra de Modelismo Naval. A exposición poderá visitarse durante todo o mes de xuño na sala da Antigua Capitanía Marítima, en horario de 10:30 a 13:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas.
Tal e como indican dende o goberno municipal, “esta colaboración reafirma o compromiso compartido entre o Concello de Baiona e AMONAGA coa conservación, divulgación e posta en valor da historia marítima, a cultura mariñeira e a identidade vinculada ao mar”.
A mostra reúne preto dun centenar de maquetas navais que permiten realizar un percorrido por distintas etapas e tipoloxías da navegación. Entre as pezas expostas destacan embarcacións tradicionais galegas como a dorna, a trainera, a gamela ou o bote polbeiro; así como reproduccións dos vapores que protagonizaron décadas de esplendor económico e social da vila.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, destacou “a importancia desta iniciativa cultural e divulgativa” sinalando que “esta exposición constitúe unha magnífica oportunidade para achegarnos ao noso pasado marítimo e para recoñecer a estreita relación que Baiona mantén históricamente co mar”.

