HomeNewsActualidadeMiguel Ríos e M-Clan protagonizarán as Festas de Ourense do 17 ao...

Miguel Ríos e M-Clan protagonizarán as Festas de Ourense do 17 ao 21 de xuño

A cidade de Ourense celebrará as súas festas patronais do 17 ao 21 de xuño cunha programación pensada e deseñada para todos os públicos.

Como é habitual, a contorna da Ponte Romana acollerá o tradicional Mercado Medieval que abrirá as súas portas dende o primeiro día das festas. Alí, as persoas poderán atopar postos de artesanía e gastronomía, entre outros. Do mesmo xeito, no Parque Barbaña estarán instaladas as atraccións de feira para os máis pequenos e no Parque da Ribeira de Canedo ubicarase a zona de xincanas e hinchables acuáticos.

Xoves 18

O grupo murcián M-Clan será o encargado de abrir a rolda de concertos, cunha actuación no exterior do Pavillón dos Remedios. De seguido, terá lugar unha sesión DJ da man de A Gramola. Durante ese día, pola tarde, terá lugar unha xornada de portas abertas de vólei praia nas instalacións de Oira.

Venres 19

O venres chegará a quenda de Miguel Ríos, unha das figuras máis míticas do rock español, que ofrecerá o seu concerto no mesmo recinto. A maiores, terá lugar a competición do II Máster de Ourense de Futbolín e a actuación da orquesta de América de Vigo na Praza de Concepción Arenal.

Sábado 20

O sábado 20 de xuño terá lugar a fase final do campionato de futbolín, competicións de breaking, a Festa das Coers e un espectáculo infantil a cargo de Cantajuegos. Pola noite, Dirty Suc e Hard GZ serán os encargados de musicalizar a festa, no exterior do pavillón dos Remedios. Ao mesmo tempo, Conductores Suicidas, banda tributo a Joaquín Sabina, actuarán na Praza de Concepción Arenal. Posteriormente, a festa seguirá a cargo dunha sesión DJ.

Domingo 21

Por último, as festas pecharán a súa programación o domingo 21 coa actuación da orquesta Funçao Publika na contorna da Ponte Romana. Como broche final, a medianoite terá lugar a tradicional tirada de fogos de artificio.

Podes consultar toda a información das festas na seguinte ligazón.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS