HomeNewsActualidadeA comisión da N-550 esixe unha reunión co subdelegado do Goberno

A comisión da N-550 esixe unha reunión co subdelegado do Goberno

A comisión de seguimento da N-550 vén de manter unha nova reunión para analizar a falta de resposta do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible ás demandas trasladadas polo Concello de Mos respecto ao estado de conservación e aos problemas de seguridade que presenta esta vía estatal ao seu paso polo municipio.

A comisión, constituída tralo acordo adoptado en pleno, está integrada polas asociacións veciñais Santa Baia, Chan do Bosque, Ledicia de Sanguiñeda e A Cividade, así como polos tres grupos políticos con representación na Corporación municipal: PP, PSOE e BNG. Á reunión, ademais da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiron tamén os concelleiros Leo Costas, José Ramilo Lorenzo e Baldomero Lorenzo, o arquitecto municipal e o xurídico do Concello.

“Ante a falta de resposta á solicitude dunha reunión técnica co Ministerio de Transportes”, na reunión acordouse “esixir formalmente unha reunión coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra” co obxectivo de coñecer as previsións do Estado respecto ás actuacións demandadas para a N-550 e trasladar a preocupación existente no municipio polo deterioro da vía e polos problemas de seguridade que presenta en diferentes puntos do seu trazado.

A comisión decidiu conceder un prazo de dez días hábiles para recibir resposta a esta petición e fixou unha nova reunión para o próximo 18 de xuño. No caso de que non exista contestación por parte da Subdelegación do Goberno, os integrantes da comisión acordaron “establecer un calendario de actuacións para intensificar as reivindicacións e reclamar solucións concretas para a estrada nacional”.

Durante a reunión tamén se abordou a tramitación da moción rexistrada no Senado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que será debatida o próximo 8 de xuño na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible. A iniciativa insta ao Goberno de España a executar con “carácter urxente” distintas actuacións de mellora, conservación e seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Mos, dando así traslado á Cámara Alta das reivindicacións que veñen defendendo o Concello, os colectivos veciñais e os afectados pola situación da estrada.

As demandas concretas desta moción son as de transformar en travesía urbana os tramos da N-550 en Sanguiñeda, entre o acceso á A-52 e o camiño de A Quiringosta; e o tramo da zona de A Gándara, entre o cemiterio e o cruce de Cantín; mellorar o mantemento da beirarrúa á altura do número 326, garantindo condicións axeitadas de seguridade para peóns e vehículos; realizar traballos integrais de limpeza e mantemento de cunetas, marxes e beirarrúas no trazado da N-550 no municipio de Mos, incluíndo de forma prioritaria o tramo de Sanguiñeda, o acceso ao polígono industrial de A Veigadaña e a limpeza de muros, pasos elevados e marxes invadidos pola vexetación; a remodelación da intersección situada en Louredo, no punto
quilométrico 148+650, co obxecto de permitir manobras seguras de xiro e cambio de sentido para o acceso aos barrios de Pombal, Pantaño e San Gregorio, mellorando de forma significativa a seguridade da vía; reparar o firme da N-500 no tramo de Amieirolongo (Sanguiñeda), corrixindo as deficiencias existentes que afectan á circulación e á seguridade e repintar a sinalización horizontal, especialmente as liñas de beirarrúas e delimitación de carrís como medida básica e urxente de mellora da seguridade vial.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS