O Club de Patinaxe Artística Condado vén de volver a facer historia tras proclamarse campión da Copa do Mundo de Patinaxe Artística celebrada en Cesena, onde o equipo presentou ao xurado a súa coreografía “Penélope”, inspirada na historia mitolóxica de Penélope e Ulises.
O grupo salvaterrense conquistou a medalla de ouro na modalidade de Show Small Groups cunha puntuación total de 35,71 puntos, impoñéndose aos mellores equipos internacionais.
A actuación “emocionou ao público e ao xurado, cunha proposta cargada de sensibilidade e forza artística”, explica o seu adestrador Edu Caride.
Así, o equipo do Condado acumula un novo éxito, que xa fora conquistado logrando a medalla de ouro na Copa do Mundo de 2023 celebrada en San Juan.
As doce patinadoras do equipo, xunto ao seu adestrador, Edu Caride, mostraron a súa “enorme felicidade” tras o triunfo, froito de “meses de intenso traballo, esforzo e dedicación“.

