A cidade de Vigo está abocada a unha folga indefinida no servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. O terceiro encontro mantido este venres entre a empresa concesionaria, FCC, e o comité de traballadores rematou sen o pacto necesario para desconvocar o paro, que está programado para comezar este domingo, día 24 de maio, ás 06.00 horas.
Segundo fontes sindicais, as posturas seguen moi lonxe de atopar un punto de encontro. O principal escollo na negociación radica no mantemento da xubilación parcial. A representación dos traballadores denuncia que a proposta da compañía non garante as condicións actuais, o que elevaría a idade de retiro efectivo ata os 63 anos e medio, fronte aos 63 anos co 100 % da prestación que os empregados teñen consolidados dende hai dúas décadas.
Salarios e IPC, o outro punto de conflito
Ademais da xubilación, a oferta salarial presentada por FCC foi cualificada de insuficiente polos sindicatos. A empresa propón un 0 % de incremento para este ano, un 1,5 % para 2027 e 2028, e un 2 % para 2029, sen incluír cláusulas de revisión salarial. Para a parte social, estes datos supoñen unha subida moi por debaixo do custo da vida, lonxe da subida ligada ao IPC que reclaman para garantir o poder adquisitivo.
Mobilizacións na rúa
Ante a falta de avances, o comité confirmou o inicio da folga indefinida este domingo. Con todo, os representantes dos traballadores sinalaron que a súa disposición a seguir negociando mantense intacta, sempre que a empresa acceda a blindar o dereito á xubilación parcial e a vincular os salarios ao IPC real.
Centos de traballadores de FCC xa se concentraron esta xornada fronte ás oficinas da firma na rúa Tarragona, en Vigo, baixo o lema “Convenio digno, o lixo en loita”, facendo evidente a tensión que vive o persoal ante a proximidade do inicio dos paros.

