HomeConcellos +A CañizaValeixe reforza as tradicións coa III Mostra de Palilleiras do Concello da...

Valeixe reforza as tradicións coa III Mostra de Palilleiras do Concello da Caniza

O recinto da Irmandade de Valeixe acolleu este domingo a celebración da «III Mostra de Palilleiras do Concello da Caniza», organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Valeixe (AMURUVA), coa colaboración do Concello da Caniza e o apoio de diversos establecementos e comercios locais.

A xornada reuniu a máis de 230 palilleiras e palilleiros procedentes de 22 asociacións de distintos puntos das provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña, que amosaron ao público os seus traballos e a súa destreza na arte tradicional do encaixe de bolillos.

Un dos principais obxectivos desta mostra foi fomentar a confraternización e o encontro entre as persoas dedicadas a este nobre oficio artesanal. Ao longo da xornada, as palilleiras e palilleiros compartiron experiencias, técnicas e coñecementos arredor da arte do encaixe de bolillos, presentando tanto pezas xa confeccionadas como os traballos que estaban a realizar en directo diante do público asistente.

A mostra converteuse así nun espazo de intercambio, aprendizaxe e posta en valor dunha tradición artesanal que continúa viva grazas ao esforzo e dedicación de colectivos como AMURUVA e das asociacións participantes.

O certame comezou ás 10:00 horas coa recepción dos participantes, aos que a organización entregou un agasallo conmemorativo: un alfileteiro artesanal cunha mostra de encaixe.

Durante a mañá, o alcalde da Caniza, Luis Piña, acompañado do concelleiro Felipe Piña e das organizadoras, percorreu os distintos postos instalados no recinto para coñecer de preto os traballos realizados polos participantes.

Ao remate da visita, o rexedor felicitou á asociación AMURUVA polo éxito da convocatoria e “polo labor desenvolvido para converter esta cita nun referente cultural da comarca”. Tamén agradeceu “a presenza das asociacións participantes e da veciñanza que se achegou a compartir esta xornada de convivencia e tradición”.

As asociacións participantes desprazáronse dende localidades como Vigo, Salvaterra, Tui, Mos, Sanxenxo, O Grove, Redondela, Arteixo e distintos concellos das provincias de POntevedra, Ourense e A Coruña.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS