HomeNewsActualidadeBuscan un home nas Neves tras romper a pulseira telemática e intentar...

Buscan un home nas Neves tras romper a pulseira telemática e intentar acoitelar a súa exmuller

O agresor feriu a filla da vítima ao interpoñerse esta durante o intento de apuñalamento na zona de Carrasqueira

A Garda Civil activou un operativo de busca para localizar un home acusado de intentar acoitelar a súa exparella no concello das Neves. O suceso tivo lugar este mércores, sobre as 11:00 horas, nunha vivenda situada na zona de Carrasqueira, onde a muller se atopaba acompañaba dos seus fillos e outros familiares.

Segundo as fontes do instituto armado, o agresor conseguiu desactivar a pulseira telemática de control —o que activou de inmediato a alarma do sistema Cometa— e presentouse no domicilio a pesar de ter vixente unha orde de afastamento.

A filla resultou ferida ao protexer a súa nai

Unha vez na casa, o individuo tentou atacar a muller cun coitelo. Durante a agresión, a filla da vítima interveu para protexela, recibindo un corte que, afortunadamente, non reviste gravidade. Tras o incidente, o sospeitoso fuxiu do lugar do crime a pé, perdéndose o seu rastro momentos despois.

As forzas de seguridade manteñen o dispositivo de localización activo na zona e arredores para dar co paradoiro do home. As autoridades traballan para esclarecer os detalles deste episodio de violencia de xénero e garantir a seguridade da vítima e da súa contorna.

Aviso importante: Se es vítima de violencia de xénero ou coñeces a alguén que estea a sufrir esta situación, recorda que podes chamar ao 016, o número de atención ás vítimas de violencia de xénero. É un servizo gratuíto, confidencial e que non deixa rastro na factura telefónica, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano. Tamén podes solicitar axuda a través de WhatsApp no número 600 000 016. En caso de emerxencia inmediata, non dubides en contactar co 112.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS