Mércores, Maio 6, 2026
HomeConcellos +A CañizaA Caniza converterase no epicentro do balonmán feminino esta fin de semana

A Caniza converterase no epicentro do balonmán feminino esta fin de semana

O Salón de Plenos do Concello da Caniza acolleu a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e o Club Balonmán Caniza para a organización da fase de ascenso á División de Honra Ouro feminina, que se celebrará na vila entre os días 8 e 10 de maio.

O acordo foi formalizado polo alcalde, Luis Piña e polo presidente do club, Marcos Estévez, coa presenza das tenentes de alcalde María José Rodríguez e Paula Bacelar e os directivos do CBC Mercedes Lorenzo e Marcos Carrera.

Segundo apuntan dende o goberno local “este convenio vén a consolidar o compromiso do Concello coa promoción do deporte local e co apoio a un evento de relevancia estatal”.

No marco desta competición, A Caniza converterase no epicentro do balonmán feminino estatal do 8 ao 10 de maio, acollendo no pavillón municipal a catro equipos de diferentes puntos do país: BM Marni Rosval (Valencia), Lauko Ermuko Errotabarri (Ermua), Helvetia Montequinto (Sevilla) e o Club Balonmán Caniza, que exercerá como anfitrión. A fase disputarase en formato de liga a unha soa volta, proclamándose campión o equipo que remate na primeira posición.

Dende o Concello salientouse o “esforzo conxunto das administracións públicas, xa que o Concello da Caniza, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra achegan financiamento para a obtención da licenza da Federación Española de Balonmán, imprescindible para a organización do evento e para cubrir, entre outros, os custos de arbitraxe”.

Pola súa banda, o club deberá completar o financiamento necesario para afrontar o resto dos custos organizativos.

Ademais, o Concello destinará unha achega adicional de 2.000 euros para a posta a punto do pavillón municipal, mediante actuacións de carpintería, fontanería e melloras estéticas, garantindo así que as instalacións estean á altura dunha competición desta categoría.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS