A Universidade de Vigo avanza na tramitación do Grao en Medicina, que comezou o 17 de outubro coa presentación da declaración de interese e que rematará o 1 de xuño de 2026 co envío da solicitude da proposta á Consellería de Educación. Así o confirmou este mediodía o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, no transcurso da sesión extraordinaria de Consello de Goberno, inicialmente convocada para aprobar o acordo sobre a descentralización do Grao en Medicina aprobado polo Consello de Docencia Clínica de Galicia, pero no que finalmente non se votou o acordo, logo da decisión do órgano de goberno da USC, o pasado venres, de aprazar sine die a votación do documento. “Non procede votar o punto da orde o día porque a USC non se sumou ao acordo e non procede que nós nos sumemos a un acordo desbotado pola USC”, dixo Reigosa ao inicio da súa intervención, na que realizou un percorrido histórico que arrancou en 1991 cando a UVigo solicitou por vez primeira a titulación de Medicina e rematou o pasado venres coa decisión do Consello de Goberno da USC de aprazar a votación do acordo, na procura dun consenso coa súa Facultade de Medicina que mostrou abertamente o seu rexeitamento ao documento.
“Defendín que ía ser moi activo na defensa dun acordo magnifico e pensaba que hoxe ía a defendelo a capa e espada”, dixo o reitor da UVigo, en relación co acordo, que si recibira a aprobación do Consello de Goberno da UDC, que non obstante, tras coñecer o pasado venres a decisión da USC, confirmou a reactivación da petición dun Grao en Medicina propio. “Pero o acordo chega morto porque a USC non se sumou”, lamentou Reigosa, que reiterou que a UVigo xa estaba a traballar en paralelo á negociación do acordo e a tal efecto xa se crearon dúas comisións, unha redactora e outra asesora, ao tempo que se están a cumprir os prazos da tramitación da titulación.
“Imos seguir dando pasos para a creación do grao e facultade”, confirmou o reitor, que recoñeceu que a consecución do acordo, no que exerceu como coordinador do grupo de traballo “foi un labor duro, pero que fixen con ledicia, polo ben de Galicia e da UVigo. Apostei pola descentralización, pero non nos queda outra que pedir o título”. Sobre a posibilidade que que por parte da USC se decida finalmente apoiar o acordo, Reigosa explicou que o proporía á aprobación do Consello de Goberno da UVigo, “pero se se quere volver a abrir a negociación para deslíar os acordos, non daremos máis voltas», explicou Reigosa, que manifestou a súa disposición «a estudar con agarimo se da USC chega un acordo semellante ao acadado, pero se se quere convertir nun acordo de descentralización en dez anos, esa pantalla xa está superada»
Calendario e comisións
Na súa exposición previa ás intervencións dalgúns membros do Consello de Goberno, Manuel Reigosa detallou os prazos da tramitación no novo grao, así como a composición das comisións redactora e asesora. En canto á tramitación na nova titulación, logo finalizar o 24 de novembro, co seu paso polo Consello de Goberno, a valoración e aprobación da adecuación das propostas de verificación o procedemento de declaración de interese 2027/2028, abriuse o de memoria inicial que finalizará o 27 de febreiro de 2026 coa súa aprobación e rematará o 27 de marzo coa avaliación e remisión do informe técnico. O último chanzo, o procedemento de memoria final, arrancará coa aprobación da memoria definitiva e elaboración do informe de resposta ás alegacións, ata o 24 de abril de 2026 e rematará o 1 de xuño co envío da solicitude á Consellería de Educación. “E ten que pasar máis filtros”, lembrou o reitor, en referencia aos informes da Secretaria Xeral de Universidades, a Consellería de Facenda, ademais da súa aprobación polo Consello Galego de Universidades. “Non temos garantía de que nos vaian aprobar o título e facultade, pero teño que ter a documentación preparada”, dixo o reitor.
En canto ás comisións redactora e asesora conformadas recentemente para avanzar no desenvolvemento da titulación, o reitor detallou este mediodía a súa composición. No caso da comisión redactora estará encabezada polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e os catedráticos da UVigo de Inmunoloxía, África González, e de Fisioloxía, Federico Mallo, e completana profesionais e académicos en Anatomía e Embrioloxía Humana, Linguaxes e sistemas informáticos, Neumoloxía e Cirurxía. Pola súa banda, a comisión asesora aglutina a persoas expertas en Medicina Interna (Luis Anibarro), Cardioloxía, Dermatoloxía ou Cardioloxía e dous exdecanos de Medicina.
Intervencións dos membros do Consello
A preguntas do catedrático e candidato a reitor por Consenso nas que Jacobo Porteiro cuestionou os efectos da non aprobación do acordo e interrogou ao reitor sobre a posibilidade de volver a sentarse a negociar, Reigosa reiterou que “non nos deixan outra saída. Hai un acordo e había que defendelo e senón valía había que dicilo e non presentalo en público”. O reitor, que confirmou que non pensa nunha Facultade de Medicina compartida coa UDC, “que seguirá un procedemento distinto”, dixo, insistiu na súa disposición a volver a sentarse a negociar, incluída a docencia de 6º como acordo subsidiario, “pero non me vale que nos quiten os alicerces do acordo acadado”. Así mesmo, a petición de Porteiro, o reitor fixo constar en acta que a meirande parte dos asistentes á sesión manifestaron que o acadado é un acordo “razoable e positivo”.

