lunes, septiembre 15, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño contará coa única sala de cine da comarca o vindeiro...

O Porriño contará coa única sala de cine da comarca o vindeiro ano

O Concello do Porriño acollerá a única sala de cine municipal da comarca e das poucas que hai en toda Galicia. Para elo, saca a licitación o proxecto de reforma interior do auditorio do centro cultural, que se dotará de tecnoloxía de última xeración e contará cun capacidade para 170 butacas.

Esta intervención suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, centrada nos espazos de auditorio, escenario e camerinos, que serán redistribuídos para dar lugar a unha sala versátil, adaptada tanto á proxección cinematográfica como á celebración de congresos, conferencias ou charlas.

“Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia audiovisual de primeiro nivel”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, indicando que se trata de algo moi demandado, “especialmente polos nenos e nenas do Porriño, é que son moitas as veces que me paran pola rúa para preguntarme cando vai haber cine no pobo, e por fin podemos dicir que ese soño se vai facer realidade».

O proxecto céntrase fundamentalmente en catro actuacións: proponse unha redistribución dos espazos eliminando a zona de escenario elevado e camerinos traseiros, de manque que o espazo dedicado a sala de avance ata o fondo do edificio; a mellora das características estéticas e acústicas a través da realización dun trasdosado en paredes onde se dispón illamento acústico e un acabado de madeira; renovación das butacas existentes, colocando tres modelos distintos para adaptar o auditorio a diferentes usos, de maneira que ademais de como sala de proxección de películas se poida empregar tamén para a celebración de conferencias e charlas e, por último, ao ser renovada a instalación de climatización e ventilación recentemente, o proxecto céntrase neste aspecto na colocación de novas luminarias adaptadas aos novos espazos e novas instalacións de son.

O proxecto conta cun orzamento 251.739,60 euros, financiado ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, e cun prazo de execución de seis meses unha vez adxudicadas as obras.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS