O Concello do Porriño vén de presentaro cartel oficial da terceira edición do Negrita Music Festival, que se celebrará o sábado 6 de setembro. A xira española deste festival escolleu O Porriño por terceiro ano consecutivo como única parada en Galicia, tras pasar por cidades como Santander e Barcelona.
A organización agarda superar os 10.000 asistentes que se reuniron na pasada edición, consolidando o evento como unha das citas musicais máis importantes do verán galego.
No cartel deste ano destacan dúas grandes figuras da música urbana: Yung Beef, referente do trap e o underground español, e Hard GZ, o artista vigués que volve a O Porriño tras o seu rotundo éxito na pasada edición.
Xunto a eles, actuarán Cyril Kamer e La Pantera, nomes en auxe na escena nacional, así como unha selección dos DJs máis destacados do momento como Alvama Ice, Xiyo & Fernandez, e tamén os galegos Groove Amigos e Traffic House, que repiten participación grazas «á excelente resposta do público o ano pasado». Completa o cartel Galicia Army, poñendo en valor o talento local e rexional.
En total, serán máis de 9 horas de música ininterrompida, mesturando directos, electrónica urbana e unha posta en escena que promete sorprender.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de fomentar e apoiar as expresións culturais contemporáneas na vila: «O Negrita Music Festival é unha aposta firme por dinamizar a cultura e a economía local, ademais de ofrecer aos nosos veciños unha experiencia única que sitúa O Porriño no mapa musical nacional e internacional.»