miércoles, julio 23, 2025
InicioNewsGalicia e outras cinco autonomías reclaman unha lexislación de costas "máis eficiente...

Galicia e outras cinco autonomías reclaman unha lexislación de costas «máis eficiente e adaptada»

Galicia, Canarias, Murcia, Baleares, Andalucía e a Comunidade Valenciana asinaron hoxe un Manifesto pola defensa do litoral español e a súa xestión responsable no que instan ao Goberno central a reformar a lexislación en materia de Costas para «garantir unha ordenación máis eficiente e adaptada a cada territorio».

Durante a xornada A Lei de Costas estatal desde unha perspectiva autonómica que se celebrou en Valencia, representantes dos gobernos autonómicos das seis comunidades reclamaron a transferencia plena de competencias en base ás solicitudes que presenten para evitar que haxa autonomías “de primeira e de segunda”, así como a protección legal para os núcleos costeiros con valores etnográficos, «que son claves para manter a memoria viva das áreas litorais e garantir un desenvolvemento sostible», segundo explican desde a Xunta de Galicia.

Nese senso, no manifesto as comunidades, ademais de reiterar o seu compromiso cunha gobernanza costeira máis integrada, sostible e resiliente, baseada na cooperación interterritorial e no intercambio de experiencias e boa prácticas, incidiron na «urxente necesidade de coordinar esforzos para a súa preservación, xestión e adaptación ante os retos do futuro».

Nesa liña, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, que asinou o manifesto en representación da Xunta, puxo en valor a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) como modelo para reformar a Lei de Costas estatal e adaptala á realidade actual.

Paula Uría subliñou que a Loxilga, polo seu «carácter innovador, é un bo punto de partida para que o conxunto de España teña unha regulación actualizada, moderna e comprometida co desenvolvemento sostible do litoral». A norma galega entende por primeira vez a xestión da costa «desde unha tripla perspectiva: ambiental, social e económica de cara a garantir o equilibrio entre o respecto polo medio ambiente e os usos humanos».

Coa aprobación en xullo do ano 2023 da Loxilga, Galicia converteuse na primeira comunidade en regular por lei o litoral en toda a súa extensión, é dicir, incluíndo tanto a zona terrestre e intermareal como a área mariña ata as 12 millas náuticas. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS