O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que «o cupo que esixen os independentistas» suporía que «Galicia deixase de ingresar o equivalente ao custo de
dous anos das diferentes prestacións relacionadas coa dependencia», segundo un
informe sobre as repercusións que este acordo bilateral tería para a Comunidade galega
presentado no Consello da Xunta. Rueda apuntou que este documento «constata que a
situación pon en perigo a prestación dos servizos básicos en Galicia».
Os cálculos realizados tanto pola Consellería de Facenda e Administración Pública como
por organismos independentes como Fedea ou o Foro Económico de Galicia coinciden en
que o impacto da saída de Cataluña do actual sistema de financiamento suporía para a
Comunidade galega unha perda de recursos de máis de 600 M€ anuais, “o mesmo que os orzamentos das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e Economía e Industria xuntas”, puxo como exemplo Rueda.
E, de estenderse o modelo ao resto das CC.AA., a perda de recursos superaría os 2.000 M€. Este custo sería «equivalente a todo o gasto en ensino público non universitario ao
longo dun curso» ou «o que se destina ás receitas sanitarias durante dous anos«.
Segundo explican desde a Xunta nun comunicado, o Acordo Bilateral de Financiamento Singular para Cataluña constitúe polas súas características un auténtico sistema de cupo que racha cos sistemas de financiamento establecidos ata a actualidade, copiando o sistema de concerto vasco no que cada Comunidade recada todos os tributos pagados no seu territorio e achega ao Estado central unha parte en concepto de custe dos servizos prestados nela pola Administración central, o cupo. A Administración central perdería as súas capacidades de redistribuír os recursos tributarios garantindo un reparto equitativo entre os territorios, supoñendo un custo económico similar ao custo de cinco anos de transporte escolar.
Ademais, a administración autonómica critica que a «implantación deste novo modelo –pactado de xeito bilateral entre o Goberno de España e a Generalitat de Cataluña– racharía co actual, no que toda a cidadanía, con independencia do lugar no que resida, ten dereito a recibir o mesmo financiamento por habitante axustado, o que garante uns servizos públicos básicos que en Galicia se verían ameazados».
Neste contexto, sinalan que o acordo alcanzado con Cataluña, lonxe de asegurar a solidariedade e igualdade do conxunto da poboación, implica mudar un sistema de financiamento baseado nas necesidades de gasto, por outro que xira en torno á capacidade recadatoria. O informe incide en que a aplicación da nova proposta sería prexudicial para a maioría das CC.AA., e daría lugar a un sistema de financiamento autonómico no que os cidadáns das rexións con máis capacidade fiscal terían mellores servizos que os das rexións con menor capacidade tributaria. Polo tanto, xeraría, segundo apuntou Rueda, un país con «cidadáns de primeira e cidadáns de segunda».
A proposta contida no acordo «racha cos principios de igualdade, suficiencia, solidariedade e corresponsabilidade que garante a Leí Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), e suporía a fragmentación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), o que pon en risco tanto a xestión tributaria como a persecución da fraude fiscal, como denunciaron de forma reiterada as asociacións de inspectores de Facenda».
A Xunta leva anos defendendo que «o actual modelo de financiamento autonómico está superado e non se axusta ás necesidades de gasto da Comunidade galega, e sostén que a reforma do sistema de financiamento autonómico (SFA) ten que negociarse con todas as Comunidades Autónomas, no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Isto permitirá que a negociación se realice en condicións de igualdade».
Desde a Xunta de Galicia explican que «o Goberno galego seguirá reclamando un financiamento suficiente e equitativo en todos os foros que sexa preciso, por iso promoveu hai oito anos a Declaración de Santiago, cuxos principios foron ratificados o pasado venres nunha declaración conxunta en Mérida que asinaron o presidente galego, Alfonso Rueda, e a presidenta estremeña, María Guardiola».