O Concello do Porriño vén de presentar, na canteira de Atios, a súa proposta expositiva para a feira internacional Stonegal 2025, que se celebrará en Vigo do 3 ao 5 de xuño. O acto, que contou coa presenza de representantes institucionais, entidades e empresarios do sector da pedra natural, serviu para dar a coñecer a implicación activa do Porriño nun evento clave para a industria do granito a nivel nacional e internacional.
A participación do Concello na feira enmárcase nun acordo de colaboración conxunta co Clúster do Granito e coa Stonegal, co obxectivo de reforzar o posicionamento do municipio como símbolo do sector. Esta alianza permitirá combinar accións de promoción, espazos compartidos de difusión empresarial e eventos singulares que se desenvolverán tanto en Vigo como no propio territorio porriñés.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta colaboración “permite poñer en valor o que somos: un municipio vinculado historicamente á pedra, cunha industria sólida, innovadora e con gran capacidade de internacionalización. Participar na Stonegal significa dar visibilidade ás nosas empresas e reafirmar o noso papel como motor deste sector en Galicia”.
Dende a organización da Stonegal, o seu director Alejandro Miras cualificou esta colaboración como “un acerto lóxico e necesario para recoñecer o papel central que xoga o Porriño no ecosistema da pedra natural”. Tamén o secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo, subliñou que “esta iniciativa pon en marcha unha sinerxía real entre empresas, territorio e futuro”.
Como parte desta colaboración, o Concello impulsará un stand institucional compartido e gratuíto para as empresas locais, co obxectivo de facilitar a súa participación na feira e ofrecer unha imaxe unitaria da potencia produtiva do municipio.
A alianza contempla ademais a celebración da Stone Gala, unha velada exclusiva que terá lugar o 4 de xuño nunha das canteiras do municipio. O evento reunirá profesionais do sector, arquitectos e representantes institucionais, e acollerá a entrega dos Premios Stonegal, así como, por primeira vez, do Premio Antonio Palacios de Arquitectura e Pedra, creado en homenaxe ao ilustre arquitecto porriñés.. A gala combinará o simbolismo do lugar coa posta en valor da pedra como material de futuro.
A Xunta de Galicia puxo en valor a relevancia desta iniciativa, tanto desde a óptica industrial como dende a territorial. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, destacou o carácter estratéxico do sector da pedra natural, subliñando que o granito galego “non só achega un valor determinante á nosa economía, senón que tamén proxecta Galicia ao exterior como un territorio asociado á calidade, á innovación e á sustentabilidade”. Pola súa banda, a delegada territorial en Vigo, Ana Ortiz, coincidiu en salientar que actos como o celebrado no Porriño “evidencian a capacidade da provincia para liderar sectores con identidade propia, onde tradición e futuro camiñan da man grazas á colaboración entre institucións e tecido produtivo”.