O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai aprobar unha nova medida fiscal “que permitirá que as familias de arredor de 60.000 alumnos” desgraven na declaración da renda “pola compra de libros de texto ou material escolar”.
Tal e como explicou o presidente, a medida enmárcase no compromiso da Xunta “en seguir ampliando o apoio ás familias con fillos en idade escolar” logo de implantar a gratuidade desde a escola infantil ata rematar a carreira e con axudas que permiten que “o 70% do alumnado de etapas obrigatorias” reciba algunha achega para os gastos de mercar manuais ou material.
Desgravación fiscal pola compra de libros e material
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a implantación desta nova medida fiscal pola que as familias galegas poderán desgravar ata 105€ por fillo. A iniciativa, que xa foi comprometida no Debate sobre política xeral, permitirá “un aforro de 6,3 M€” aos fogares galegos.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, indicou que a nova medida fiscal vai dirixida ás familias con rendas anuais per cápita superiores a 10.000€ e ata 30.000€, con fillos matriculados en educación primaria ou educación secundaria obrigatoria, que na actualidade non se acollen ás axudas para libros de texto e material.
Cada familia poderá desgravarse ata un 15% do gasto ata un máximo de 105€ por fillo. A porcentaxe do 15% aplicarase sobre o importe das facturas correspondentes ás compras de libros ou material escolar para o curso 2025/2026 realizadas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2025.
Como se fai a rebaixa fiscal?
A desgravación no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas realizarase na declaración da renda do ano 2026, correspondente ao exercicio de 2025. Para iso, Román Rodríguez indicou que “a Xunta a incluirá na Lei de medidas do ano 2026 con efectos para o ano 2025”.