A Xunta de Galicia autorizou a posta en marcha da Business Factory Sport (BFSport),
unha nova aceleradora de emprendemento innovador centrada no sector do deporte e o benestar. Trátase dun proxecto pioneiro que nace da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e de Xesgalicia, e o Clúster da Industria do
Deporte e o Benestar de Galicia, e que contará cun investimento total de case 5,5
millóns de euros para impulsar un total de 56 proxectos empresariais nos vindeiros tres
anos.
O obxectivo fundamental da BFSport é consolidar en Galicia un ecosistema de
innovación especializada que promova a creación de startups viables, escalables e con
capacidade para internacionalizarse. A iniciativa pretende converter a Comunidade nun
referente europeo na innovación aberta e disruptiva aplicada ao deporte e ao benestar,
un ámbito en que conflúen tecnoloxía, saúde, calidade de vida, actividade física e
sustentabilidade.
Cantas convocatorias hai?
Ao longo dos exercicios 2025, 2026 e 2027, a BFSport organizará tres convocatorias
consecutivas que inclúen fases de incubación (24 proxectos), aceleración (18) e consolidación (14). Cada edición do programa estruturará o seu traballo en catro etapas: deseño da convocatoria e definición de retos, captación e selección de iniciativas, execución dos itinerarios e finalización a través de eventos de exposición pública e contacto con investidores (Demo Day e Investors Day).
O programa ofrécelles un apoio integral aos emprendedores, combinando acompañamento técnico, formación especializada, acceso a infraestruturas físicas e tecnolóxicas, conexión con empresas tractoras e soporte para a captación de financiamento. Ademais, prevé a implicación de socios internacionais e hubs de innovación que facilitarán a entrada das startups galegas en mercados exteriores, así
como a súa participación en eventos internacionais clave.
En canto ao financiamento, o Igape, ademais de cofinanciar os custos de xestión,
coordinación e execución da BFSport, apoiará os proxectos en fase de aceleración cunha
achega de ata 25.000 euros por iniciativa. Ademais, os proxectos poderán contar co
apoio de Xesgalicia e a achega será de 50.000 euros para a fase de aceleración e de ata
250.000 euros na fase de consolidación.
Obxetivo
A BFSport tamén busca fortalecer o tecido empresarial galego mediante a captación e
retención de talento, a transferencia de coñecemento entre centros tecnolóxicos e
empresas, e a creación de sinerxías que impulsen a economía do benestar como un
sector estratéxico. O seu impacto espérase tanto en termos de actividade económica
como na promoción de hábitos saudables, o envellecemento activo e o
desenvolvemento de solucións tecnolóxicas para o deporte e a saúde.
Aceleradoras en Galicia
Este novo programa vertical complementa e mellora a Rede galega de aceleradoras,
iniciado en Galicia coa posta en marcha da Business Factory Auto (BFAuto) no ano 2016 e consolidado a través de experiencias de éxito como BFAero, BFFood e BF ClimaTech, ás
que se suman outras iniciativas como VíaGalicia.
En conxunto, estas aceleradoras permitiron impulsar ata o de agora máis de 830 proxectos innovadores e a creación de máis de 1.400 empregos cualificados, o cal posiciona Galicia como un dos ecosistemas emprendedores máis activos e recoñecidos de España.
Con esta aposta estratéxica, a Xunta de Galicia explica que «se reafirma o seu compromiso co apoio ao emprendemento innovador, a competitividade empresarial e a internacionalización do tecido produtivo, favorecendo a aparición de proxectos empresariais de alto valor engadido que contribúan ao crecemento sustentable e á modernización da economía galega».