O Goberno galego acaba de autorizar o inicio das obras de edificación da nova factoría que a empresa lucense Norvento vai instalar no polígono empresarial das Gándaras en Lugo e que suporá un investimento de 50 millóns de euros e a creación de máis de 600 postos de traballo.
En concreto, a factoría terá unha superficie de 19.429 m2, estará situada na parcela B2- B3 da fase VIIA do parque empresarial lucense, e permitirá crear 303 empregos directos, 237 indirectos e 84 empregos inducidos.
A Xunta xa declarou no ano 2023 a Fábrica Norvento Enerxía Cero (neFO) como Proxecto Empresarial Singular e que permitirá construír unha planta de última xeración na que se fabricarán aeroxeneradores de vangarda, equipos de almacenamento de baterías avanzados e convertedores de enerxía modernos.
Así, o proxecto ten como obxectivo a construción e posta en funcionamento dunha innovadora fábrica autosuficiente e cero emisións, con aeroxeneradores de vangarda de entre 100 e 1.000 kW para producir enerxía renovable que favoreza a descarbonización industrial e impulse a repotenciación de parques eólicos.
Por outro lado, fabricará convertedores de electrónica de potencia para a xestión e conversión de enerxía limpa a todas as escalas, que abranguen desde equipos especializados no sector comercial e industrial a produtos específicos para proxectos a escala de rede. Ademais, a fábrica alimentarase exclusivamente con enerxía renovable xerada nas propias instalacións.
Ampliación do parque empresarial
O Consello da Xunta tamén tomou razón hoxe da aprobación inicial do proxecto de urbanización e electrificación da ampliación da fase III do parque empresarial de Palas de Rei que permitirá incrementar a súa superficie con 39.926 m2. O novo ámbito industrial dará continuidade ao existente, situado ao oeste do núcleo principal do Concello.
As actuacións que se levarán a cabo consisten no acondicionamento das parcelas para uso industrial, así como dotar de electrificación e rede viaria xeral, de acceso desde o parque actual. Constará de 17 parcelas para uso industrial, unha zona de equipamento, zonas verdes, unha rede viaria e aparcadoiros, e os correspondentes servizos de abastecemento, saneamento, electricidade, telecomunicacións e alumeado.
Duplicar o chan industrial
Con todas estas actuacións, a Xunta continúa avanzando na súa estratexia de facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia e ampliar as que xa están instaladas, e no proceso de desenvolver solo industrial nos concellos que teñen necesidade e onde as empresas están esperando para poder asentar as súas industrias. Trátase de ter un desenvolvemento industrial homoxéneo en toda Galicia.
No caso da provincia de Lugo, a Xunta está a desenvolver solo nas Gándaras, Palas de Rei, Meira, O Corgo e Xove; e xa ten solo industrial a disposición das empresas en Monterroso, Viveiro, Cervo, Cospeito, Xermade, Lourenzá, Porto Seco de Monforte e Taboada. En total, no período 2026-2028, o Executivo autonómico prevé duplicar o solo industrial dispoñible nesta provincia que pasará de 240.584 m2 a 455.375 m2.