O maxistrado do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra exime á Xunta de indemnizar ao dono dunha explotación ecolóxica de mazás e outros froitos situada no termo municipal das Neves que o 15 de outubro de 2017 foi arrasada por un incendio forestal procedente de Portugal. Polo tanto, rexeita o recurso interposto polo afectado contra a resolución da Consellería do Medio Rural que lle denegou a reclamación que formulou polos danos e prexuízos causados na parcela.
O xuíz conclúe na sentenza que “non se acreditou de maneira suficiente que no contexto daquela situación catastrófica xeneralizada a actuación da Xunta de Galicia incorrese en antixuridicidade ao non adoptar medidas preventivas eficaces para evitar a propagación do incendio portugués ao territorio das Neves a través do río Miño e para sufocar o lume iniciado nas Neves antes de que se estendese”.
O recorrente solicitaba ser indemnizado pola destrución de 600 maceiras, 24 kiwis e 20 cítricos, así como do sistema de rega automatizada, instalación eléctrica, ferramentas, maquinaria e galpón preexistentes no predio, próximo ao río Miño, duns 10.800 metros cadrados de superficie, pois lle imputa a responsabilidade dos danos á Xunta “polo abandono de funcións no que incorreu ao non evitar, podendo facelo, a propagación do incendio”.
O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra, con todo, salienta que “ata ese momento non consta que se detectara unha necesidade imperiosa e ineludible de manter os mesmos medios do verán (período máximo de incendios) durante o outono”. Ao que engade que, tras o sucedido entre os días 13 e 15 de outubro de 2017, “se puxo en evidencia a necesidade de cambiar o modelo, e así se fixo, ao parecer, en anos seguintes, prolongándose ao outono a campaña estival antiincendios, xunto con outras medidas”.
O xuíz indica que da proba practicada se conclúe que non se acreditou o cumprimento dos requisitos determinativos dun dereito indemnizador por perda de oportunidade. Na resolución, destaca que durante a mañá do 15 de outubro de 2017 “a situación era crítica na provincia de Pontevedra”, na que se declarou a situación 2, en aplicación do Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia e do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia”.
Incendio en Ponteareas
Así, subliña que en Ponteareas (preto das Neves) “había un macroincendio que ameazaba ás poboacións”, así como que o lume “afectaba a infraestruturas esenciais, como a propia autovía A-52, que houbo que cortar ao tráfico”. O maxistrado recalca que “ardía a provincia enteira, no maior incendio da historia de Galicia”, polo que “os medios de extinción se debían priorizar cara aos núcleos de poboación, antes que ás explotacións agrícolas ou forestais”. Por outra banda, incide en que, ata esa data, “os incendios de Portugal nunca chegaran a cruzar a devasa natural do río Miño”, polo que “non era imperativo categórico -no contexto da catástrofe xa desatada cos lumes en Galicia- destinar eses medios limitados o labor preventivo na ribeira do río Miño”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.