domingo, mayo 18, 2025
InicioNewsActualidadeMos inicia a campaña estival de limpeza viaria e prevención de incendios

Mos inicia a campaña estival de limpeza viaria e prevención de incendios

O Concello de Mos porá en marcha a vindeira semana a campaña estival de limpeza, coa que se acometerán traballos intensivos en camiños, beirarrúas, zonas verdes, parques e xardíns das dez parroquias do municipio. Este ano, a campaña contará cun reforzo notable no número de persoal, cun total de 18 traballadores que permitirán chegar de forma máis eficaz a toda a rede viaria e espazos públicos de Mos.

En concreto, para as brigadas de limpeza de camiños destinaranse 10 operarios, mentres que para a limpeza de zonas verdes, parques e xardíns estarán adicados 3 traballadores. Ademais, o programa Aprol Rural achega 3 efectivos máis que contribuirán á vixilancia, mantemento e protección do medio natural e zonas verdes en condicións adecuadas de seguridade, actuando na prevención de incendios forestais coa limpeza de zonas sensibles.

Por outra banda o Concello de Mos ven de asinar un convenio coa Consellería de Medio Rural, grazas ao cal 2 condutores de vehículo motobomba prestarán os seus servizos na prevención de incendios durante os 3 meses de verán.

Como complemento a esta campaña, esta actual semana comezou a renovación e plantación de novos elementos naturais de tempada nos xardíns e espazos públicos municipais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a importancia desta campaña estival: «Trátase dun servizo moi necesario e imprescindible para que Mos estea en estado correcto, tanto dende o punto de vista do mantemento diario como da imaxe que ofrece aos seus veciños e visitantes». A rexedora incidiu en que «o obxectivo é chegar ás dez parroquias do concello, actuando en todos aqueles puntos que precisan dunha posta a punto de cara ao verán».

As actuacións previstas incluirán a roza de cunetas e camiños, a limpeza de maleza en zonas verdes e a posta a punto dos parques e xardíns, garantindo así a seguridade viaria e a boa conservación dos espazos públicos. Estes traballos contribuirán a previr incendios forestais, especialmente importantes nesta época do ano.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS