miércoles, mayo 14, 2025
InicioNewsActualidadeA Xunta aproba o Pladiga 2025 co incremento do 19% no orzamento...

A Xunta aproba o Pladiga 2025 co incremento do 19% no orzamento para a formación contra incendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Xunta destinará no  bienio 2025-2026 preto de 1,8 millóns de euros á formación e ao adestramento do  persoal dos servizos de prevención de incendios forestais co fin de garantir a protección  dos nosos montes de cara á tempada “de maior risco de lumes”.  

Segundo sinalou Rueda, estas cifras supoñen un incremento de case o 19 % do  orzamento, en comparación co bienio anterior. Con estes fondos, a previsión é financiar  preto de 3.500 edicións de cursos e accións “de formación e adestramento” ao longo do  referido período.  

Así figura no Plan de formación integrado dentro do Plan de prevención e defensa  contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) correspondente ao ano 2025, que hoxe  aprobou o Consello do Goberno galego, unha vez oído o Consello Forestal de Galicia na  súa xuntanza do pasado mércores, día 30 de abril.  

As cifras de investimento en programas formativos do persoal contra incendios veñen  consolidar o esforzo realizado polo Goberno galego a través da Consellería do Medio Rural nesta materia no ano 2024. Nesa anualidade impartíronse 473 edicións de cursos,  dirixidas a 11.447 participantes, con máis de 108.000 horas de formación. No período  2019-2024, o orzamento total dedicado á formación situouse en preto de 2,6 millóns de  euros, o que permitiu desenvolver 159 cursos, con máis de 468.810 horas lectivas. 

Seis programas de formación

O titular do Goberno galego destacou que de cara aos vindeiros anos, o Plan de  formación e adestramento para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra  Incendios (SPIF) estrutúrase en seis programas con “novas ferramentas”. En primeiro  lugar, o catálogo de cursos monográficos, un programa de formación para o período  2025-2028 co obxectivo de mellorar a cualificación profesional do persoal, ofertando  anualmente un catálogo de cursos monográficos, de diferentes temáticas relacionadas  coa prevención e extinción de incendios forestais, conducentes á obtención dun diploma  acreditativo desta formación. En segundo termo, un itinerario formativo profesional,  que suporá a preparación diversificada e por grupos de categorías profesionais, que vai  desde unha cualificación inicial ata a especialización do persoal.  

O terceiro programa céntrase no adestramento do persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) e está dirixido a mellorar a organización e a eficiencia no  traballo. En cuarto lugar, establécese un apartado de formación a medios das entidades  locais, que implica a preparación básica para o persoal adscrito aos concellos que  participa nas tarefas de extinción de incendios forestais, como complemento aos cursos  que poidan recibir desde a propia institución municipal.  

O quinto programa está orientado a “actuacións de sensibilización e información” para a poboación, co obxectivo de informala das medidas preventivas, concienciala das obrigas establecidas na normativa e aconsellala sobre o comportamento a seguir ante os  incendios forestais que poidan ter lugar nos seus lugares de residencia habitual.  

O último programa, de divulgación, céntrase en actividades de sensibilización pública,  dirixidas principalmente a escolares e alumnado de formación profesional, entre as  cales se inclúen charlas, exposicións, visitas, demostracións etc.  Este esforzo en materia formativa enmárcase no Pladiga, que ten como principal  finalidade reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as  consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.

Nova figura

Ademais, entre as novidades deste ano no Pladiga, Rueda salientou a incorporación,  dentro do Plan de extinción, dunha “nova figura”, a de xefe/a de loxística. Trátase dunha  nova figura, a nivel operativo, que desempeñarán técnicos ou axentes en incendios complexos. As súas funcións, entre outras, serán as de “facilitar o desprazamento dos  medios” no lugar do incendio na localización das zonas de actuación e/ou destino  indicado nas instrucións de traballo, supervisar e garantir o correcto funcionamento das comunicacións no incendio e xestionar o avituallamento dos medios en coordinación co  persoal do Punto de Recepción de Medios (PRM) e o Centro de Coordinación de Distrito (CCD).  

O xefe de loxística tamén se encargará de coordinar co CCD a xestión do aloxamento do  persoal do SPIF que o necesitase e daqueloutras tarefas destinadas a facilitar a obtención de material, subministracións ou os servizos necesarios para o desempeño  correcto das funcións dos medios que operan no incendio. 

Parques naturais

Rueda sinalou que un ano máis, o dispositivo de loita contra os incendios forestais en  Galicia estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os  profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Este dato é  semellante ao das últimas campañas. Neste contexto, cómpre facer mención á mellora do reforzo do persoal, co aumento do tempo de traballo do persoal laboral fixo descontinuo, pasando a actuar oito meses no 2025 e nove meses no 2026.

Sobre os medios materiais, Galicia contará de novo cunha trintena de medios aéreos contra o lume, entre os da Xunta de Galicia e os que achega o Estado. En terra haberá preto de 380 motobombas e vehículos pesados, contabilizando tanto as da Xunta como  as municipais. Ademais, procurarase continuar co proceso de mellora e modernización  dos medios de prevención e extinción. Neste sentido, cómpre lembrar que desde o ano  2013 se renovaron 137 motobombas do parque do SPIF e este ano está prevista a  adquisición de tres novas unidades.

Parques naturais

En canto aos chamados obxectivos de control, mantense tamén a liña de campañas  anteriores, e así establécense, entre outros, os de que a superficie queimada total, a  arborada queimada, a total por lume e a queimada por lume se manteñan por baixo da media da última década. Tamén, que o número total de incendios estea por baixo da  media dos últimos dez anos (situada nos 307), que os lumes que superen as 25 hectáreas  queden por baixo do 2 % do total e que aqueles de menos de 1 ha sexan máis do 70 % do  total.  

Con respecto aos obxectivos específicos, cómpre salientar o incremento da superficie xestionada en materia de prevención, dado que, segundo apuntou o presidente, outra  das novidades do Pladiga 2025 é a elaboración de “plans preventivos” nos seis parques  naturais de Galicia, como áreas de actuación singularizada, compatibilizando a  protección do patrimonio natural coa prevención dos incendios.  

A actualización do Pladiga tamén avanza no desenvolvemento dunha ferramenta que  permita coñecer “con antelación” o risco de lume para determinar as áreas estratéxicas  en que deseñar estratexias preventivas que contribúan a diminuír o número de lumes e  superficies queimadas, traballando este ano nos territorios de Pontevedra e Ourense a  través do proxecto USE4FOREST do programa europeo Interreg-Sudoe.

Investigación

No que atinxe ao Plan de prevención, afondarase nos traballos de creación de áreas  cortalumes e faixas auxiliares de pista, na mellora de pistas forestais, nos tratamentos  silvícolas preventivos e nas queimas prescritas. Ademais, levarase a cabo a revisión e o mantemento dos máis de 5.000 puntos de auga repartidos polo territorio galego.  

Dentro deste plan, hai que salientar o esforzo que se fai no Programa de sensibilización en centros educativos, e máis concretamente coa publicación do novo material  divulgativo Os Bolechas. Os incendios forestais, cunha tirada de 3.500 exemplares do libro,  10.000 exemplares do caderno e outros 10.000 da unidade didáctica. 

En relación co Plan de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras salienta  a actuación nas parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). No 2025 incorpóranse á  listaxe do ano anterior dúas parroquias, as de Requeixo, no concello ourensán de  Chandrexa de Queixa, e Pontellas, no municipio pontevedrés do Porriño. Saen da listaxe dezaseis parroquias, co que o número total de PAAI no ano 2025 é de 26, e 24 delas repiten respecto da listaxe do ano pasado. Así pois, a cifra total diminúe en 14 con respecto ao 2024, no cal se rexistraron un total de 40 PAAI. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS