domingo, diciembre 7, 2025
No menu items!
No menu items!
InicioA terraA nosa culturaXinzo de Limia prepara xa unha nova edición do seu tradicional Entroido

Xinzo de Limia prepara xa unha nova edición do seu tradicional Entroido

O Concello de Xinzo de Limia presenta outro ano máis o seu entroido, o máis longo de toda Europa. Este ano, iniciarase o sábado 8 de febreiro co Petardazo e finalizará o domingo 9 de marzo, co Domingo de Piñata. Esta festividade, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, está organizada pola Concellería de Festas dirixida por Ricardo Sieiro.

Ademais, o programa dunha duración de máis dun mes de actividades é para todos os públicos. As actividades pódense consultar na páxina web do concello. Nesta edición, destacará a música posto que tocarán máis de 60 charangas e actuarán 40 grupos e artistas. Dende a institución pretenden ofrecer un entroido seguro, accesible e que proporcione unha experiencia de calidade tanto como para a veciñanza como para os visitantes. Así, aspira ser unha vez máis un referente de calidade, tradición, modernidade e seguridade.

O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, subliñou que “o Entroido de Xinzo é unha cita imprescindible, non só para a nosa vila, senón para toda Galicia e máis aló. É un orgullo convidar a todas e todos a participar nunha celebración que pon en valor a nosa cultura, a nosa tradición e a nosa hospitalidade.”

Concello de Xinzo de Limia

Actividades

O programa iniciarase o 8 de febreiro co Petardazo, dando a benvida ao entroido 2025 ás 00:00 horas na Praza Carlos Casares. Antes e despois desa hora, a festa está asegurada con música e espectáculos. Posteriormente, o día 9, o domingo fareleiro repartirase a fariña ás 17:00 horas na Praza Maior para a farelada.

Xa o sábado 15 colgaráse o meco, que antes percorrerá dende ás 19:30 horas o casco vello dende o o Museo Galego do Entroido ata a Praza de Oriente. O domingo 16, ou do Oleiro, desfrutarase ás 12:30 horas do oleiro Infantil na Praza Maior. Pola tarde, na Praza Maior e nas rúas do casco vello os máis maiores poderán xogar no seu propio Oleiro. Non faltará animación e música durante todo o día. Cómpre lembrar, que as persoas participantes recoméndaselle vestir do estilo da primeira metade do século XX.

No sábado corredoiro, será a xuntaza de disfraces grupos para o baile de corredoiro dende ás 21:00 horas na Praza de San Roque. Dende ese momento, contarase con charangas e a Orquesta Los Players. Ao día seguinte, as pantallas reuniranse no domingo corredoiro saíndo as rúas a partir das 12:00 horas. Ese día volverán actuar as charangas Élite e Sound Band.

Ademais, o venres de entroido este ano o 28 de febreiro, traerá consigo charangas, animacións e a 1ª Festa Glam Entroido de Xinzo, onde actuará Leticia Sabater e recoñecidos Djs.

O primeiro día do mes de marzo, sábado de entroido tocarán varias charangas, agrupacións de música, a Orquesta Trébol, e haberá a actuación de La Duendeneta. O domingo e o luns de entroido, días 2 e 3 de marzo, serán días de festa e música nas que se encontrarán pasarúas con actuacións de charangas. No día 4 de marzo, martes de entroido, ás 17:00 horas iniciarase o Gran Desfile do Entroido 2025, onde se repartirán 3000 euros en premios.

O 5 de marzo será o enterro da sardiña. O sábado de piñata, 8 de marzo, realizarase o xogo da Cucaña na Praza Maior sobre ás 18:30 horas. Posteriormente, dará comezo o baile de Mascaritas e Capuchóns coa animación musical do Dúo Explosión.

Tocando o fin das celebracións o 9 de marzo, domingo de Piñata, ofreceranse actividades infantís e obradoiros. Ademais, a música seguirá nas rúas con charangas e a Orquesta Kubo, dando o broche final do entroido deste ano.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS