martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas sobe a taxa para celebrar as vodas civís ata os 200...

Ponteareas sobe a taxa para celebrar as vodas civís ata os 200 euros

Casarse no Concello de Ponteareas sairá máis caro. En concreto, as parellas que desexen selar o seu compromiso na casa consistorial deberán abonar un total de 200 euros fronte aos 67 que custaba ata o de agora. Así o vén de aprobar o goberno municipal, formado polo Partido Popular, Acip e Independentes de Ponteareas, no pleno. A oposición (BNG, PSOE e Ponteareas en Común) votaron en contra e criticaron o aumento de impostos e a «carga fiscal que se lle está trasladando aos veciños e as veciñas».

Deste xeito, o equipo de goberno, cos votos en contra da oposición, aproba o custe de 200 euros para as cerimonias que se celebren no salón de plenos do Concello «ou noutro lugar público que reúna as condicións», segundo apunta o texto. No caso de que a voda civil se celebre nun espazo que non sexa propiedade do Concello de Ponteareas a tarifa será de 120 euros.

O voceiro do executivo local, o popular Francisco Jesús Represas, defendeu este aumento «polo custe que supón para o Concello levar a cabo esta cerimonia» e apuntou que «era necesario actualizar a taxa ás actuais características«. Unha das xustificacións do equipo de goberno para aumentar esta contía e que «se entrega un agasallo ao matrimonio». Con todo, a voceira do PSOE en Ponteareas, Vanesa Fernández, cuestionou que «en que quedamos? é un agasallo ou non o é? porque se o cobran…» e invitouno a que se fixaran «no Concello do Porriño, gobernado tamén polo Partido Popular, que acaban de suprimir esta taxa». Os socialistas calificaron de «indigno» que aumenten o prezo aos veciños e as veciñas que desexen casarse no Concello.

Pola súa banda, o grupo líder da oposición, o Bloque Nacionalista Galego «lamenta que o goberno de Ponteareas continúe saqueando á veciñanza» e consideran que se trata dunha «burla que centren parte do seu argumento económico no feito de que o Concello entregará un detalle institucional á parella«. Ademais, lembran que «tras a suba do 85% na taxa do lixo e o aumento do 25% do IBI, o goberno local continúa aplicando un novo sablazo que, neste caso, afectará ás persoas que decidan casar na Casa do Concello».

O voceiro de Ponteareas en Común, Manoel Ucha, preguntou se «isto tamén é culpa de Pedro Sánchez?» e indicou que «non hai argumentos para aumentar a taxa«. Ucha ironizou sobre a «casualidade de que cando se trata de subir a carga fiscal ás clases populares sempre é culpa da lexislación, pero cando se trata de subirlle os impostos ás electricas ou multinacionais sempre votades en contra». Preguntou tamen «por que é obligatorio que se teña que decorar o salón de plenos» en referencia a unha das xustificación do aumento do prezo das vodas civís en Ponteareas.

Finalmente, o voceiro do equipo de goberno e responsable da Facenda do Concello de Ponteareas, o popular Francisco Jesús Represas, explicou que «benvido sexa que os veciños e as veciñas queiran casarse no Concello, pero non se está obrigando a ninguén porque tamén existe a posibilidade de realizalo na Igrexa ou no notario».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS