martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasMos colabora con proxectos innovadores de cinco colectivos de apoio á discapacidade

Mos colabora con proxectos innovadores de cinco colectivos de apoio á discapacidade

O Concello asina convenios por importe total de 25.000 euros anuais que distribúe en axudas ás entidades Asodifisi, Cogami, Aceesca Emprego, Discamino e EVD Galicia

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinou esta mañá os convenios municipais de apoio a colectivos de persoas con discapacidade. Tamén estiveron presentes a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e representantes das entidades beneficiarias. Mediante un total de cinco convenios, o Concello de Mos destina 25.000 euros anuales en axudas as asociacións Asodifisi, Cogami, Aceesca Emprego, Discamino e EVD Galicia.

O acto de sinatura tivo lugar hoxe nas instalacións da antiga Casa Reitoral de Petelos. Así mesmo, acudiron para asinar os devanditos convenios unha representante de EVD Galicia, Ángeles Iglesias; e o tesoureiro de Asodifisi, Jorge Arjones. Ademais, foron o director do centro de resursos de Mos de Cogami, Celso Álvarez; a xerente de Aceesca, Ángeles Leirós; e o presidente de Discamino, Javier Pitillas.

A rexedora local Arévalo e a edil de Servizos Sociais destacaron que “desde o Concello de Mos e o departamento municipal de Política Social promovemos a colaboración a través de convenios coas entidades de apoio á discapacidade. A finalidade é fomentar as oportunidades das persoas, a través da igualdade, da formación, da participación, da inclusión e da sensibilización”.

Deste modo, mediante estas iniciativas fomentaranse experiencias enriquecedoras para os usuarios das diferentes entidades beneficiarias, así como para as persoas da súa contorna. Preténdese aumentar a confianza en sí mesmos dos usuarios dos diferentes centros e potenciar a súa iniciativa e creatividade, entre outros obxectivos. Ademais, facilitarlles as capacidades para relacionarse, mellorar a comunicación e traballar en equipo, co obxectivo de alcanzar unha meta común. Que se sintan persoas útiles na sociedade, e que aumente a súa confianza.

Os innovadores proxectos inclusivos

Os representantes das asociacións explicaron os innovadores proxectos inclusivos que desenvolverán grazas á axuda da administración local mosense. No caso de Asodifisi, desenvolverán obradoiros e formación sobre discapacidade e dependencia para familias coidadoras e outros colectivos. Pola súa banda, Cogami levará a cabo un proxecto de intervención asistida con animais. Mediante este programa búscase recuperar o espazo para galiñeiro do que xa dispuxo no seu día en Mos, no Rebullón. Ademais, Aceesca Emprego formará un servizo de transporte de persoas usuarias de Mos a Porriño, onde se atopa ubicado o centro.

En canto a Discamino, organizarán en actividades en centros educativos de Mos e desenvolverán un programa de fomento, promoción e divulgación para a práctica do exercicio físico e o deporte adaptado. Así mesmo, no caso de EVD, levarán a cabo un proxecto de formación para as mulleres usuarias titulado “Autoxestoras para unha vida independente”. Mediante este programa, as usuarias erixiranse en exemplo para outras persoas con discapacidade ás que lles instruirán sobre a experiencia da independencia e autonomía persoais en convivencia coa discapacidade. Deste modo beneficiaranse 533 mosenses usuarios das 5 entidades coas que se asinaron os devanditos convenios.

Ademais destas colaboracións, en Mos cóntase co taller de xardinería no que se está a impartir un Obradoiro de Horto Ecolóxico. Este lévase a cabo coas usuarias das Escravas da Virxe Dolorosa no invernadoiro das antigas instalacións de Asodifisi en Torroso. Así mesmo, o Concello subvenciona íntegramente o programa ao longo de todo o ano para EVD.

As diferentes iniciativas perseguen, ademais de beneficios para a saúde e psicolóxicos, beneficios a nivel físico. Sempre construíndo un ambiente participativo que promova a dignidade das persoas con discapacidade con apoios individualizados de calidade. E sempre actuando en base aos valores de apoio integral, orientación á calidade, traballo en equipo e adaptación.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS