sábado, diciembre 7, 2024
InicioNewsComarcasMondariz quédase sen goberno pola dimisión en bloque dos cinco concelleiros de...

Mondariz quédase sen goberno pola dimisión en bloque dos cinco concelleiros de AporM

O goberno de Mondariz, liderado por AporM, presentou hoxe a súa dimisión ante o “bloqueo absoluto dos tres grupos municipais da oposición (PP, BNG e PSOE)”. “Dende o inicio da lexislatura permanecen unidos para paralizar calquera avance, investimento ou mellora para a ciudadanía”, explican desde AporM, que goberna en minoría con cinco concelleiros, fronte aos tres do PP, dous do BNG e un do PSOE.

O alcalde, Xoán Carlos Montes, Calis, traslada nun comunicado que os cinco edís de AporM “renuncian aos seus cargos no goberno para pasar a ser concelleiras e concelleiros da oposición e permitir que un novo goberno de alianza dos tres grupos dea luz verde ás necesidades das veciñas e veciños”.

“Se o problema é AporM, apartámonos, pero seguiremos dende a oposición loitando por un futuro mellor para as veciñas e veciños. Queda claro que non están facendo un exercicio político, tan só persoal, e que o seu empeño en destruír a figura do alcalde é maior que a responsabilidade que teñen coa cidadanía”, explica o alcalde.

Esta dimisión, que deixa a Mondariz sen goberno, prodúcese logo de que AporM intentase negociar os presupostos coa oposición, ofrecéndose a renunciar a unha segunda dedicación para os concelleiros de AporM e a repartir o soldo do alcalde entre catro para poder suplir esa segunda dedicación. “A irresponsabilidade é tan grande que nin sequera renunciando nós a todas as nosas propostas queren sentar a negociar. A intervención do Estado é inmediata e afogarán a economia do Concello e a das veciñas e veciños”, lamenta Calis.

Neste senso, cabe recordar que o Concello de Mondariz ten unha débeda co Estado, que lle adiantou o diñeiro para pagar aos seus provedores, e que debe aprobar un plan de axuste económico para devolverlle ese diñeiro. A intención de AporM era devolver os cartos en 14 anos, pero, se non hai un acordo coa oposición, o Estado intervirá o Concello, e este terá que pagar a débeda en 5 anos, o que suporá maiores recortes e, segundo o goberno saínte, “unha ruína”.

Os cinco edís dimisionarios manifestan que “coa nosa retirada agardamos que sigan tan unidos como ata agora e sexan capaces de aprobar uns orzamentos e un plan de axuste que salve a Mondariz da parálise antes do 30 de setembro”.

Agora a secretaría municipal convocará un pleno extraordinario do que sairá o novo grupo de goberno, que terá ata finais de setembro para aprobar uns orzamentos e un plan de axuste.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS