martes, diciembre 3, 2024
InicioNewsComarcasRedondela xa coñece a programación para o seu entroido de verán

Redondela xa coñece a programación para o seu entroido de verán

Redondela quenta motores para o 25º aniversario do seu Entroido de Verán. Dende fai anos convertiuse nunha das citas máis agardadas da programación estival da provincia.

Por fin hai data, o sábado, 24 de agosto, o Concello de Redondela ofrecerá un intenso programa de actividades para públicos de todas as idades.

A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que «a intención do Concello é ofrecer unha programación que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto».

Dende o Concello decidiron facer unha aposta por grupos locais como Uxía Lambona e Javi Maneiro, ademais dos DJ´s redondeláns Rodri Vegas, Carlos González, Borja Rúa e o porriñés, Samu Pexe. Ademais, o entroido de verán da localidade contará coa actuación de Coti.

As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa.

Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag, onde a bailarina e coreógrafa Hurakan Bastida presentará o evento. Este ano repartirase en premio un total de 1.800 euros. Terminada a gala, comezarán os concertos. Os horarios son os seguintes:

  • Ás 23.00 horas con Javi Maneiro, artista e vocalista de grupos como Heredeiros da Crus ou Jabón Blue.
  • Ás 00.30 horas será a quenda de Coti, o músico arxentino é recoñecido por temas como «Antes que ver el sol» ou «Nada fue un error».
  • 02.15 ata as 04.00 horas estarán Samu Pexe e Rodri.

Actividades para público infantil e familiar

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades orientadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións do centro da vila.

A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga a partir das 18.00 horas ata as 21.00 horas. Ademais, ás 21.30 horas terá lugar unha festa da espuma.

Por outro lado, na praza da Casa da Torre ás 20.30 horas, terá lugar o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.

Consumo sostible

Como novidade, este ano todos os postos de venda de bebidas utilizarán vasos reutilizables co obxectivo de eliminar os envases de plástico dun só uso. Os vasos reutilizables serán de balde ou mediante o depósito e posterior devolución da cantidade abonada.

Todos os postos de venda de bebidas nas rúas do centro da vila abrirán os aseos dos seus locais para o uso do público en xeral ou ben instalarán un baño químico portátil.

Reforzo do de transporte público

Como en anos anteriores, as empresas de transporte público ofrecen liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas e haberá transporte de volta ata as 06.00 horas.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS