Mércores, Maio 6, 2026
HomeComarcasVigoO TSXG condena ao Concello de Vigo por vulnerar dereitos fundamentais dunha...

O TSXG condena ao Concello de Vigo por vulnerar dereitos fundamentais dunha veciña polo ruído que sufriu no Nadal

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Concello de Vigo por vulnerar os dereitos fundamentais á intimidade persoal e familiar e á inviolabilidade do domicilio dunha veciña do centro da cidade polo ruído provocado durante a celebración do Nadal do ano 2022-2023

Os maxistrados decretaron que adopte “as medidas necesarias” para evitar “a reiteración da súa conduta lesiva dos dereitos fundamentais” e para garantir “que os niveis de ruídos exteriores e interiores non pasen os limiares fixados polas normas aplicables”. Ademais, impuxéronlle o pagamento dunha indemnización de 600 euros á demandante polos danos ocasionados.

Sobre este tema pronunciouse o voceiro do goberno local, Carlos López Font, subliñando que “a sentenza non cuestiona o Nadal de Vigo”.

Pola súa banda, o BNG esixe ao Goberno de Caballero que se desculpe coa veciñanza e rectifique o deseño do Nadal. O portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, indicou que “esta sentenza demostra que o ‘parque temático’ do Nadal de Caballero vulnera os dereitos das viguesas e dos vigueses”.

En resposta ás declaracións de Carlos López Font, nas que acusaba a fronte nacionalista de pretender “pechar o Nadal de Vigo”, Igrexas cualificounas de “disparates que insultan a intelixencia das persoas e que xa non colan. A posición do BNG é rotundamente clara desde o inicio: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, acrecentou argumentando a necesidade de abordar un novo modelo descentralizado e máis sustentable.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS