Gómez Caamaño lamentou, trala súa participación no pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que o Ministerio de Sanidade, como leva facendo desde 2018, renunciase, de novo, a implicarse na solución ao problema de falta de persoal sanitario en determinadas especialidades de atención primaria e que se limitase, simplemente, a tratar de fiscalizar as planificacións das diferentes comunidades autónomas.
O titular de Sanidade explicou que o Goberno de España non atendeu a petición das comunidades de anticipar a finalización do período formativo dos residentes de último ano que comezaron o MIR en setembro de 2020 a causa da pandemia, o que impedirá que poidan ser contratados este verán: concretamente na sanidade pública galega non se poderán contratar 127 novos médicos de familia e 26 pediatras.
Ante a inacción do Ministerio, Gómez Caamaño destacou que a Xunta, dentro das súas competencias, está a planificar xa medidas para o reforzo de persoal sanitario no verán en función das necesidades das distintas localidade, ofrecéndolles a médicos residentes de último ano que presten apoio en urxencias e atención primaria, baixo supervisión, de forma voluntaria e con incentivos económicos.

