jueves, mayo 2, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Rosal, pioneiro na licitación da reforma dun campo de fútbol con...

O Rosal, pioneiro na licitación da reforma dun campo de fútbol con criterios de sustentabilidade

O Rosal convértese nun dos primeiros concellos de España en licitar un campo de fútbol con criterios de sustentabilidade ambiental tras sacar a concurso as obras para a transformación integral do campo da Mata.

“Apostamos por incluír criterios innovadores que nos permitan seguir dando pasos significativos cara a un futuro máis sostible, aplicando criterios de responsabilidade ambiental para mellorar as instalacións deportivas municipais ao tempo que reducimos o impacto ambiental e promovemos prácticas respectuosas co medio ambiente”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Desta maneira, os pregos da licitación priorizará a aquelas empresas que presenten proxectos que recollan todas as liñas de sustentabilidade ambiental marcadas. Así entre as melloras recollidas, ademais dunha ampliación da garantía de mantemento ou a incorporación de megafonía, o Concello valorará con maior puntuación as variantes do cambio de céspede que inclúan materiais drenantes máis sostibles que substitúan ao caucho.

O proxecto de renovación do campo de fútbol da Mata foi redactado por un equipo técnico especializado que incorporou as necesidades técnicas detectadas pola UD Ribera, incluíndo as demandas dos propios usuarios e usuarias para solucionar diferentes problemáticas. Así, xunto ao cambio de céspede e ao nivelado e regularización do chan, o proxecto contempla a limpeza das canalizacións, a colocación dunha varanda de aceiro envolta nunha rede atrapa balóns, o cambio do pavimento deportivo, a instalación dun novo sistema de rego ou a colocación dun novo marcador e de dous bancos de exterior para suplentes de 10 prazas. Entre as melloras tamén se inclúe a creación dunha galería de aluminio con cristais de seguridade e a substitución dos paneis do túnel de vestiarios por pezas de metacrilato resistente aos impactos dos balóns.

As obras de transformación integral do campo de fútbol da Mata saen a licitación por case 335.000 euros. As empresas ou entidades interesadas poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 2 de maio.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES