sábado, diciembre 14, 2024
InicioComarcasLouriñaAs obras de humanización das rúas porriñesas de Bos Aires e Progreso...

As obras de humanización das rúas porriñesas de Bos Aires e Progreso estarán rematadas a final de ano

- A conselleira de Infraestruturas e Mobildade, Ethel Vázquez, visitou hoxe O Porriño para comprobar esta actuación de reforzo da seguridade peonil e mellora da accesibilidade e da estética da vía, favorecendo a integración urbana

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, acompañaron esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na supervisión dos traballos de humanización e mellora das rúas Bos Aires e Progreso, nas que a Xunta de Galicia inviste preto dun millón de euros.

Segundo puideron comprobar as obras “avanzan a bo ritmo” e prolongaranse algo máis do previsto debido a que se incorporan ao proxecto novos traballos a petición do propio Concello e do Consorcio de Augas do Louro “acometéndose unha necesaria renovación e ampliación das redes de saneamento e abastecemento”. Do mesmo xeito, outra das melloras que se aplicarán e confirmouse hoxe foi o emprego de pedra Rosa Porriño para a zona empedrada que transcorre entre o paso a nivel ata o cruce coa rúa Avelino Villasuso, que será de sentido único para o tráfico rodado con amplas beirarrúas e elementos vexetais.

A execución prolongarase ata finais de ano incorporándose novos traballos referentes ás redes de saneamento e abastecemento

A previsión é que a finais deste ano este acceso ao centro do Porriño quede totalmente acondicionado e integrado co casco urbano, dando prioridade aos peóns. “Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila que non reúne moitas das condicións de seguridade e accesibilidade, así reforzaremos a seguridade peonil, melloraremos a accesibilidade e tamén a estética de ámbalas dúas rúas, favorecendo a súa integración no centro urbano, e restrinxirase ademais o tráfico de vehículos pesados”, explica o alcalde. Na mesma liña, a conselleira puxo en valor “esta actuación transformadora da accesibilidade, da seguridade peonil e da estética da estrada PO-329 no Porriño”.

Os traballos, que deron comezo o pasado mes de xuño, comprenden a intervención nun treito de case 700 metros da estrada PO-329 ao seu paso pola vila da Louriña. Construiranse beirarrúas máis anchas, tendo en conta que nalgunha das zonas non podía pasar nin tan sequera un carriño de bebé ou cadeira de rodas, para o cal se reducirá a anchura dos carrís de circulación na reordenación das prazas de aparcamento; renovaranse os pavimentos; instalarase novo mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras e xardineira; plantaranse árbores e mellorarase a iluminación con 22 novos puntos de luz e con reforzos luminosos nos pasos de peóns para garantir unha maior seguridade.

Cinco treitos de actuación

Os traballos divídense en cinco treitos segundo as necesidades detectadas nos diferentes ámbitos. Así, comezouse pola zona da rúa Bos Aires, no treito final da actuación. Aquí, que comprende dende a glorieta coa PO-511 e a PO-331 ata o cruce co río Louro, pasando baixo a autovía A-55, os traballos están practicamente finalizados. 

Na zona máis próxima ao río, a prioridade era mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándonos á normativa de accesibilidade. 

Nas proximidades da glorieta, acométese unha actuación máis ampla, coa reordenación da calzada para gañar espazo para os peóns, reducindo o dos carrís, ademais de dispoñer sitio para os contedores e aparcadoiros, renovando e ampliando tamén as beirarrúas, a iluminación e a sinalización e dispoñendo mobiliario urbano.

A conselleira concretou que unha vez se rematen as obras neste treito nas vindeiras semanas, intensificaranse os traballos xa en execución na rúa Progreso, entre o límite con Mos e o paso a nivel coa vía férrea, onde se acometerán a reordenación da calzada a e a humanización da vía. 

Finalmente intervirase no treito máis complexo, entre o paso a nivel e o acceso á empresa Frigolouro, onde os técnicos se comprometen a actuar coa maior axilidade e coidado para minorar a afección e as molestias. 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS