lunes, mayo 20, 2024
InicioNewsA parroquia de Maceira, en Covelo, celebrou as festas na honra da...

A parroquia de Maceira, en Covelo, celebrou as festas na honra da Virxe da Guía

- Disco móbil, xogos infantís, verbena, xantar popular, procesión e actos litúrxicos ao longo de tres días

A parroquia de Maceira, en Covelo, celebrou as festas na honra da Virxe da Guía ao longo de tres días nos que houbo verbena, xantar popular, xogos infantís, disco móbil e actos litúrxicos. Unha vez máis a Virxe da Guía da igrexa parroquial Divino Salvador subíu á ermida do Alto da Guía para xuntarse coa advocación da virxe que habita na capela.

Cada 15 de agosto a veciñanza porta a imaxe da Virxe da Guía da igrexa parroquial levándoa montaña arriba para se atopar coa advocación da virxe da Capela onde o Cruceiro da Fonte. Xuntas rematan a viaxe ata o cumio onde se celebra, non só a misa solemne e a procesión, tamén un popular xantar acompañado de música e postos ambulantes para mercar todo tipo de viandas. “Así mesmo é tradicional nas romarías desta parroquia que a procesión, que sae da igrexa do Divino Salvador, faga a parada litúrxica no altar que os veciños do barrio de Castro que os veciños/as lle teñen preparado alí. Igualmente que a imaxe da capela saia baixando en procesión ata o Cruceiro da Fonte (século XVIII) a esperar a imaxe da parroquial. Chegadas ao santuario da Guía as imaxes, franquean a fachada do templo unha a cada lado, quedando ambalas ao culto e veneración dos moitos e fervorosos romeiros/as”, así o podemos ler no folleto explicativo que recolle información atopada no Arquivo Histórico Diocesano de Tui.

Ao longo destes anos son moitas as familias que se reúnen na romaría da Virxe da Guía e alí xantan e comparten alimentos co resto das familias. Antes de escurecer, os e as devotos baixan de novo a pé á virxe da igrexa parroquial para agardar, tres estacións máis, a volver saír de peregrinaxe pasando polo barrio do Castro. As bondades da Virxe da Guía son sobradamente coñecidas entre a veciñanza da comarca que acuden pedindo unha mellora da súa saúde. Devotas e devotos ofrecen cera en forma de distintas partes do corpo á virxe na procura de alivio e axuda, tamén ofrendas que logo se subastan.

Apuntes históricos

Na visita episcopal de 1780 faise constar que a capela está decente e conta con todo o necesario para celebrar cultos relixiosos. Tamén se dí que nela poderase dicir misa cando se queira, menos os días de precepto en que os fieis deben asistir á igrexa parroquial.

Ademais da ermida podemos atopar, a doce metros da capela, un peto de ánimas coñecido como “Almiñas de Ponte dos Carros” procedente do lugar de Pencellos e colocado no lugar actual no ano 1993 polo abalde D. Xesús. Lamentablemente o peto de ánimas foi froito do vandalismo e a imaxe dun Santiago peregrino está decapitada e fraccionada a man dereita.

Tamén diante do santuario a uns 30 metros de distancia, nun outeiro con panorámica a Covelo, álzase o cruceiro de máis de seis metros, rematado en cruz metálica. Ata aquí chegan as procesións de cada romería e dan volta ao seu arredor camiño da capela. Na base lese a seguinte inscrición: “Cristo Redentor. Recuerdo peregrinación mariana-año jubilar 1904”. É obra do mestre canteiro, de Maceira, Abdón Solla, levantado alí o 9 de agosto de 1904, como lembranza do Ano Xubilar da Purísima Concepción.

A primeira mención escrita que atopamos nos libros Benefecios e Visitas do Arquivo Histórico Diocesano sobre a Nosa Señora da Guía, data de 1754. No ano 1778 fálase de Nosa Señora de la Asunción ou da Guía. Nesta ocasión é a propósito da visita do bispo. Ilmo. Ser. D. Diego Fernández Angulo, sendo abade o Rvdo. D. Fernando de Castro, anótase que debe asegurarse a ara do altar da capela, así como que, cando se siga alí misa, se poña sobre dito altar o correspondente crucifixo.

As últimas melloras foron realizadas na capela da Guía (1990-2004) sendo abade-capelán o actual crego D. Xesús Cajide coa axuda das esmolas do santuario e dos fregueses da parroquia.

A capela

Esta capela de Nosa Señora da Guía, unha das máis monumentais e de maior devoción popular, pertence ao Divino Salvador de Maceira de Covelo. Trátase dun auténtico e fermoso santuario.

Atópase ao leste e bastante máis arriba do Castro de Maceira (2 km). Sitúase no medio dunha alta chaira da Cordilleira de Fontefría, en territorio de Maceira cunha explanada con arboreda, prantío de 1990 e anos sucesivos, mesas, fonte de auga potable e grande aparcadoiro.

Trátase dunha grande edificación de pedra ben labrada, incluso o tellado. Atópase orientada ao nacente. Consta dunha nave de cruz latina con bóveda sobre o cruceiro e nave central de medio cañón. Esta descansa enriba da capela lateral da dereita e sobre a sacristía do extremo da esquerda. Ao fondo da súa cabeceira no interior levántase un bonito retábulo. A súa fachada, con entrada de amplo arco de medio punto, pecha, formando parte dun amplo porche de entrada, novos pináculos nos extremos (despois de ser roubados os antigos) aparece rematada nunha cruz sobre a espadana central con campá. A ermida conta con dúas portas máis; unha na parte lateral da esquerda que da entrada á sacristía polo exterior; outra na banda dereita (cara ao norte) amosando no seu lintel o anagrama do Ave María.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES