lunes, mayo 20, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoCultura polos barrios no Rosal

Cultura polos barrios no Rosal

- O Concello prepara unha programación cargada de actividades en San Xián, Martín, San Miguel, As Eiras ou O Calvario

O Concello do Rosal prepara unha axenda cultural
cargada de actividades para este mes de xullo. Dez propostas para todos os
públicos e gustos que dá a benvida por primeira vez ao programa ‘Cultura polos
barrios’, unha iniciativa que levará diferentes actividades este mes e o seguinte a
diferentes puntos do municipio e que comezará este mesmo martes 4 de xullo coa
actuación de ‘Acordeireta’.


Patricia González e Alejandro Balbuena fusionan a música de acordeón e
pandeireta para divertirse e transmitir un sentimento arraigado nas raíces,
reivindicar temas sociais dos nosos tempos e dignificar a lingua e cultura galega.
Chegarán co seu repertorio ás 21.00 horas á Praza do Calán de San Xián, con
entrada de balde.


Tras o ‘Conssertasso na horta’ o día 6 na Praza de Martín e a actuación de
Tonichi&Pacheco o venres 7 na Praza do Calvario chegará a quenda dunha nova
edición da Feira do Viño do Rosal os días 14, 15 e 16 de xullo.
O día 22 o público poderá desfrutar coa actuación de Uxía e Javier Ruibal na Praza
do Calvario, na que presentarán un disco inspirado en poemas de Rosalía de Castro
e Federico García Lorca. Será o primeiro acto das Festas do Pilar de Verán, que ata
o día 25 contará con difrentes eventos como o Festival Xente Xida, o Encontro dos
Pobos, o Torneo de Xadrez, actuacións infantís e coa actuación da Banda da
Agrupación Musical do Rosal cun repertorio dos mellores musicais e acompañada
de cantantes solistas como peche de luxo.


A axenda cultural deste mes no Rosal acolle ademais unha nova edición do Rosal
Cámara Fest, organizado pola Agrupación Musical do Rosal e que comeza o 26 de
xullo coa actuación do grupo de clarinetes Klason na Escola Vella de San Miguel ás
21.00 horas e que continuará durante a primeira semana do mes de agosto.
O mes rematará coa Mostra de Cine das Eiras, organizada pola Asociación
Ghorghalado, que celebra xa a súa terceira edición e comeza a facerse un oco
entre os festivais dedicados ás curtametraxes.


“Temos lista unha completa e vibrante programación coa que levar o lecer aos
barrios do Rosal, gozando do bo tempo, das actividades ao aire libre e dun verán
cheo de ocio, cultura e experiencias”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A rexedora convida a toda a veciñanza a desfrutar e participar nas diferentes
actividades preparadas para as vindeiras semanas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES